Rede de Instalacións Permanentes de Trail Running de España: Folgoso será o primeiro concello de Galicia en adhírese

  • O municipio é pioneiro na Comunidade en sumarse a esta rede, que xa conta con 17 centros de Trail Running, dos cales 3 están en funcionamento e 14 en construción
  • Crearase un Trail Running Center cunha rede de itinerarios balizados de forma permanente e contarase cun Centro de Recepción con servizos básicos para os corredores

 

O Concello de Folgoso do Courel será o primeiro de Galicia en adherirse á Rede Estatal de Instalacións Permanentes de Trail Running de España.

A localidade será pioneira en sumarse a esta rede, que xa conta con 17 centros de Trail Running, dos cales 3 están xa en funcionamento e 14 en construción.

A rede recolle a esencia deste deporte mediante rutas sinalizadas especificamente para Trail Running e cunha gran variedade técnica e paisaxística.

A iniciativa canalízase a través do Plan Train50, que en tres anos pretende a creación dunha rede de 50 instalacións permanentes de Trail Running en España acreditadas pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA) para convertelas nos destinos de referencia en España para a práctica non competitiva deste deporte.

As instalacións permanentes de Trail Running (TRC) permiten aos usuarios adestrar sen masificacións, e practicar este deporte con rutas adaptadas a diferentes niveis de dificultade. Nun momento no que o Trail Running está en auxe e existe incerteza para a realización de eventos e competicións deportivas, este tipo de instalacións turístico deportivas son un mecanismo moi útil para promocionar actividades saudables e para reactivar o turismo deportivo especializado.

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, remarca que

con esta adhesión pasamos a formar para dunha rede estatal de TRC interconectada, que lle permite aos seus promotores compartir obxectivos, iniciativas e experiencias; e que promoverá entre os usuarios participar en foros deportivos, adestramentos técnicos, intercambios e viaxes deportivas especializadas.

A iniciativa axudará ademais a que o Concello de Folgoso do Courel poida converterse nun destino de referencia en España para a práctica do Trail Running no competitivo, ao tempo que permite vincular o territorio a un proxecto turístico deportivo innovador en España.

Ao mesmo tempo, formará parte dun produto deportivo estatal acreditado pola RFEA e asociarase o territorio a importantes marcas nacionais de destinos turísticos de natureza.

Tamén se abrirán sinerxías entre diferentes territorios de España a través dos TRC e as súas iniciativas turístico deportivas.

Que é un Trail Running Center?

O Trail Running Center (TRC) é unha instalación no medio natural permanente, de carácter turístico deportiva, deseñada para a práctica do Trail Running, e acreditada pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA). Está dirixida tanto a usuarios que pretenden iniciarse neste deporte, como a aqueles que buscan rutas máis técnicas.

Un TRC conta cunha rede de itinerarios balizados de forma permanente coa sinalización oficial de Trail Running. Ademais, conta tamén cun Centro de Recepción con servizos básicos para os runners, como vestiarios, consignas e duchas. Para elo pódense utilizar instalacións xa existentes tales como polideportivos, edificios multidisciplinares, albergues xuvenís ou outros aloxamentos turísticos.

Tras a adhesión á rede, o Concello de Folgoso do Courel traballa xa na rede de itinerarios e na localización do seu Trail Running Center, que dará a coñecer nos vindeiros meses.

También te podría gustar...