O músico galego Miguel Franqueiro, director da Banda de Música de Sober, debuta coa Scala de Milán
- O tubista participa en cinco concertos reforzando a plantilla dunha das orquestras máis importantes do mundo
O músico galego Miguel Franqueiro debuta este mes de outubro na Orquestra do Teatro da Scala de Milán como tubista interpretando unha das óperas de referencia de Verdi, Aida, baixo a dirección de Ricardo Chailly, un Maestro de talla mundial.
O director da Banda de Música de Sober participa nesta produción, un dos primeiros espectáculos da Orquestra con sede en Milán tras volver á actividade, paralizada dende o mes de marzo debido á situación sanitaria. A primeira das funcións foi o día 6 de outubro e a última será o 19 deste mes.
O músico reforza por vez primeira a plantilla da Orquestra do Teatro da Scala de Milán despois de gañar a audición de tuba na formación de ópera máis importante do mundo en xullo do ano 2019.
Cando hai xusto 20 anos viñemos de viaxe a Borgo val di Taro e a Milán coa banda na que me criei, a Banda Unión Musical Ponteledesma, ao chegar a este Teatro da Scala, a guía que nos acompañaba díxonos: Todo músico que se prece soña con tocar aquí. Nunca esquecín esas palabras. Un soño cumprido.
Precisa Miguel Franqueiro.
Ademais de dirixir a Banda de Música de Sober, Miguel Franqueiro Becerra colabora coa Real Filharmonía de Galicia, así como con outras orquestras nacionais e internacionais, como a Sinfónica de Galicia, a Orquestra Nacional de España, a Orquestra de RTVE, a Orquestra do Liceo de Barcelona ou a Filarmonica Teatro Regio de Torino, entre outras.
O Concello de Sober felicita ao músico por este novo traballo e polas posibilidades que a súa formación e experiencia traen consigo para os músicos da localidade.
Aida
Giuseppe Fortunino Francesco Verdi ( Bussetto, 1813 – Milán, 1901) recibiu do Jedive de Exipto, Ismail Pachá, o encargo de compoñer unha ópera, de ambiente exipcio, para que a súa estrea coincidise cos fastos da inauguración da Canle de Suéz. Con todo, a apertura da Canle tivo lugar o 17 de novembro de 1869 e a ópera non estaba aínda rematada polo que tivo que representarse Rigoletto (1851) do propio Verdi.
Aida foi estreada, sen a presenza do seu autor, no Teatro da Ópera do Cairo, un ano máis tarde, o 24 de decembro de 1871.
Dous meses mais tarde estreouse, coa presenza do seu autor, no Teatro da Scala de Milán, o 8 de febreiro de 1872. O papel de Aida foi cantado por Teresa Stolz (1834 – 1902) que tanta influencia tería ao longo da vida de Verdi. Constituíu un éxito clamoroso e o mestre tivo que saír a saudar 32 veces. Nesta versión da Scala, que quedou como definitiva, Verdi engadiulle a famosa aria para soprano O patria mía.
O libreto, en italiano, está dividido en catro actos e ten unha duración de 2 horas e media.