Concerto do Trío Zukan en Sober
- O Concello e as Xuventudes Musicais de Sober o programan para o día 10 de Outubro
- A actuación, de entrada gratuíta, será ás 19:30 horas no Hotel Pazo de Sober
O Concello de Sober e as Xuventudes Musicais da localidade programan un concerto do Trío Zukan para o día 10 de outubro. A actuación, de entrada gratuíta, desenvolverase no Hotel Pazo de Sober ás 19:30 horas.
En 2014 xorde Trío Zukan axuntando tres instrumentos pouco comúns como a percusión, o acordeón e o txistu (frauta tradicional do País Vasco).
Nas orixes de Zukan, o repertorio para esta combinación instrumental era inexistente. Por ese motivo, os seus integrantes decidiron promover un proxecto en colaboración con diferentes compositores coa intención de xerar un novo repertorio.
A única premisa exposta aos creadores foi que desen a súa visión particular sobre unha combinación instrumental tan atípica. Todos os demais aspectos -duración, instrumentación, estética…- quedaban a elección do compositor.
Ata o día de hoxe, Zukan encargou, revisou e estreou máis dunha vintena de obras de compositores nacionais e internacionais como María Eugenia Luc, Mikel Chamizo, Hugo Morales, Isabel Urrutia, Francisco Domínguez, Vassilis Filippou, Óscar Escudero, Helga Arias e Sofía Martínez, e ten en marcha diferentes proxectos de creación con outros compositores destacados.
En marzo de 2019, Zukan presentou o seu primeiro CD baixo o nome Soinuzko Begiradak – Toma 1 (Miradas Sonoras – Toma 1), o cal recibiu recentemente o premio Musika Bulegoa Sariak. Así mesmo, en maio de 2019, engadiuse outro importante paso na súa traxectoria: o primeiro premio obtido na 94º Convocatoria do Concurso Mocidades Musicais de España.
Na actualidade Trío Zukan é unha das formacións máis consolidadas do panorama da música contemporánea do País Vasco. Ofreceu numerosos concertos en ciclos de referencia como Quincena Musical Donostiarra, Festival Bernaola, Circuito de Música Contemporánea Musikagileak, Ciclo de Música Contemporánea BBVA, Attacca Festival Basel, Festival Kuraia, Festival de Música Contemporánea del Museo Vostell Malpartida, o Festival Perturbaciones Periódicas de Conde Duque Madrid ou Classical:NEXT de Rotterdam.
Repertorio:
Miles Away Trio (2020)- Juan Luis Montoro (1991).
Seis miradas sobre…(2016)- Francisco Domínguez.
Trauma (2014)-Hugo Morales.
Tres nocturnos (2018)-Miguel Matamoro.
Lantz (2016)-Mikel Chamizo.
Batucatta (2014)- Hugo Morales.