Proxecto destinado á mellora da recollida selectiva de envases lixeiros no sector HORECA de Sober

  • Un total de 90 establecementos de Sober poderán sumarse á recollida selectiva de envases lixeiros
  • O Goberno local vén de asinar un acordo con ECOEMBES dirixido a que participen os locais do sector HORECA

 

O Concello de Sober e ECOEMBES veñen de asinar un acordo de colaboración para a posta en marcha dun proxecto destinado á mellora da recollida selectiva de envases lixeiros no Concello de Sober mediante o fomento da participación de establecementos do sector HORECA (Hostalería, Restauración e Cátering).

Así, restaurantes, bares, aloxamentos, bodegas con salas de cata e outros establecementos turísticos do Concello, ata un total de 90, poderán participar no programa promovido por ECOEMBES e o Goberno local.

Máis contedores

O acordo traerá consigo o incremento, no seu caso, da dotación de contedores instalados na vía pública para a recollida selectiva de envases lixeiros adaptados a un uso compartido entre o cidadán e xeradores singulares de Sober.

Ademais, farase entrega aos establecementos participantes no proxecto de contedores de pequeno tamaño para a instalación no interior dos mesmos, ao tempo que serán informados e formados para asegurar a súa correcta participación na recollida.

O papel do Concello

O Goberno local encargarase de promover a correcta utilización dos contedores por parte dos establecementos, mediante un procedemento de control e seguimento que garanta o seu correcto uso.

Tamén se compromete a garantir a prestación dun servizo de recollida selectiva de envases lixeiros de calidade, en particular no referente á frecuencia de recollida para evitar desbordamentos e á limpeza e mantemento dos contedores e da súa contorna de forma que se facilite e incentive a participación dos usuarios na recollida selectiva.

O rexedor, Luis Fernández Guitián, saúda esta iniciativa e agradece a colaboración dos establecementos na súa implantación “o que nos vai permitir seguir mellorando a recollida selectiva e, polo tanto, contribuír á mellora do medio ambiente”.

También te podría gustar...