Acto de apoio aos traballadores e usuarios da residencia do Incio

  • O Concello do Incio colabora cos veciños e veciñas
  • Será o sábado día 19 ás 13:00 horas enfronte da residencia

 

O Concello do Incio colabora cos veciños e veciñas que decidiron organizar un acto de apoio aos traballadores e usuarios da residencia o vindeiro sábado día 19. A idea xorde, tal e como explican eles mesmos, para darlles ánimos tanto ao persoal que está a traballar no centro, como a todos os usuarios que viven nel nestes momentos complicados que sofren.

O acto consistirá nunha concentración dos veciños e veciñas enfronte da residencia ás 13:00 horas do sábado no que a escritora natural do Val do Mao, Marica Campo, fará a lectura dun texto de alento. De seguido procederán a darlles un aplauso para que o poidan escoitar desde a residencia.

Os organizadores da iniciativa convidan aos veciños e veciñas e aos familiares dos usuarios da residencia a participar neste acto simbólico co que pretenden insuflarlles ánimo e recordarlles “que contan co apoio e o cariño de todo o pobo”.

Esperanzados

Lembran que existen moitos datos para a esperanza, como o cribado aos 170 veciños e veciñas no que todos deron negativo e os 17 usuarios da residencia que veñen de curarse. “Queremos que isto sirva como un xesto de cariño e unha mostra de unión dun pobo que loita xunto e tamén que a xente de fóra saiba que ao Incio se pode vir”, precisan.

O Goberno local do Concello do Incio colabora con esta iniciativa que definen como “moi positiva”. Ademais de participar no acto, desde o Concello encargaranse de seguir limpando e desinfectando os espazos públicos para seguir combatendo o virus, ao tempo que seguen trasladando o seu total apoio, ánimo e colaboración ao persoal e usuarios da residencia desde que se declarou o gromo da covid-19.

También te podría gustar...