Xincana pola igualdade en Sober
- Podían participar os nenos e nenas do campamento de verán ‘Coñece o teu Concello’ e aqueles outros que quixeran sumarse
O Concello de Sober celebrou nas piscinas municipais a xincana pola igualdade, actividade na que podían participar os nenos e nenas do campamento de verán ‘Coñece o teu Concello‘ e aqueles outros que quixeran sumarse.
A actividade forma parte da programación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
As actividades están financiadas pola Secretaría de Estado de Igualdade no marco do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero e foron valoradas e propostas pola educadora social Selene Arias Sáez.
Desde o Concello recordan que a violencia de xénero supón un problema social de primeira orde, converténdose, xa dende a perspectiva tradicional, nunha secuela contra a que temos que loitar dende todos os ángulos posibles.
Así, o rexedor Luis Fernández Guitián, explica que “dende o Concello de Sober tratamos de responder a acusada necesidade de concienciar e sensibilizar respecto a dita problemática en todas as súas expresións, tanto visibles coma non visibles”.
Por elo, precisa, “queremos participar de maneira directa na loita contra esta lacra, realizando unha serie de actividades socio-educativas de prevención da violencia de xénero destinadas aos máis cativos”.