Rañadoiro e Tablillas, dous miradoiros ‘estelares’ ben equipados
- Medio Ambiente equipa os miradoiros astronómicos de Pena Trevinca, un dos dous destinos galegos con certificado Starlight
- Destináronse preto de 19.000 euros para acondicionar os miradoiros de Rañadoiro e Tablillas
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de equipar dous miradoiros astronómicos de Pena Trevinca, no concello de A Veiga. O obxectivo desta actuación é poñer en valor un enclave que está certificado como destino turístico Starlight, un recoñecemento que só comparte outro punto máis dentro da xeografía galega: o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O investimento ascendeu a preto de 19.000 euros e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. As actuacións desenvolvéronse nos miradoiros de Rañadoiro (1.157 metros de altitude) e Tablillas (1.521 metros de altitude), nos que se creou unha infraestrutura para a observación do ceo e a súa interpretación. Este tipo de iniciativas permiten crear unha oferta turística compatible cun modelo de desenvolvemento sustentable.
Máis polo miúdo, en cada un dos miradoiros instaláronse cinco elementos de sinalización con diferentes temáticas estelares, que van desde as constelacións nas diferentes estacións do ano; a lúa; as constelacións circumpolares; a localización de Polaris; a observación do firmamento; a chuvia de estrelas fugaces; simulación de solsticios e equinoccios; contaminación luminosa; e astrofotografía.
Os paneis explicativos están elaborados con fotografías reais do ceo nocturno, tomadas nese mesmo lugar. Os textos poden consultarse en galego, español e inglés.