Vinte desempregados que participan nun obradoiro recuperarán zonas da área termal
- Os vinte desempregados do concello de Ourense que participan nun obradoiro de albanelería e carpintería recuperarán zonas da área termal
- A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, e o alcalde da cidade das Burgas, Xesús Vázquez, visitaron esta iniciativa de emprego que conta cun investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 180.000 euros
- As principais actuacións previstas teñen que ver con renovación e mellora do mobiliario do paseo da ribeira así como a reposición de arquetas de sendeiros desta zona e o acondicionamento e mellora dos locais dependentes do Centro de Interpretación das Burgas
- O Goberno Galego tamén concedeulle ao concello ourensán un obradoiro específico para menos de 30 anos a través de Garantía Xuvenil
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o obradoiro de emprego “Ourense Termal” que se está a desenvolver na cidade das Burgas e que conta con 20 alumnos, persoas desempregadas inscritas nas oficinas de emprego da capital. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician outras 5 persoas do concello ourensán que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxina unha formación teórico-práctica de albanelería e carpintería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 180.000 euros.
Este programa mixto de formación e emprego dará continuidade ao celebrado o pasado ano e que se centrou na mellora das distintas zonas termais emprazadas ao longo do Miño ao seu paso pola capital ourensá: A Chavasqueira, o Muíño das Veigas, Outariz, e o tramo do Tinteiro e o paseo roxo.
Na visita, Díaz Mouteira estivo acompañada do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Tomás Paz.
A máxima representante do Goberno galego en Ourense lembrou o esforzo que a Administración autonómica veu realizando nos últimos anos para mellorar a empregabilidade no concello da cidade a través dos programas de cooperación, cursos AFD, programas integrados de emprego e a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local. Ademais, este ano a Xunta tamén lle concedeu ao concello da capital un obradoiro específico para menos de 30 anos a través de Garantía Xuvenil .
Díaz Mouteira salientou que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade”, e neste senso indicou que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, ofrecéndolles unha formación vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional, como é o caso dos obradoiros. A delegada territorial lembrou que a Xunta conta coa Axenda 20 para o Emprego, que é a planificación do Goberno galego en materia laboral, para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende reducir ata o 10% a taxa do desemprego en 2020.
Características “Ourense Termal”
O obradoiro ofrece formación e emprego a 20 persoas desempregadas durante 6 meses e conta con dúas especialidades: albanelería e carpintería. O persoal a cargo do curso estará formado por un director, tres docentes e unha persoa administrativa de apoio.
O fin do obradoiro é a formación nestas especialidades e, concretamente, levarán a cabo traballos no Paseo da Ribeira consistentes na renovación e mellora do mobiliario, ademais de construír e repoñer arquetas e reparar camiños e sendeiros no mesmo paseo; no Centro de Interpretación das Burgas crearán un espazo de estancia na zona anexa e acondicionarán os locais para bar-cafetería, punto de información e tenda.