Convocados os propietarios dos terreos afectados polas obras dun noiro en Petín
- A Xunta convoca aos propietarios dos terreos afectados polas obras dun noiro na estrada OU-533, no concello de Petín para o levantamento das actas previas
- Esta actuación foi declarada de emerxencia por parte da Consellería de Infraestruturas e Vivenda
- Os propietarios deberán achegarse o vindeiro día 13 de xaneiro de 2017 na Casa do Concello de Petín, ás doce horas
- Estes traballos foron adxudicados á empresa Explotaciones Medioambientales por un importe de máis de 215.000 euros e teñen un prazo de execución de dous meses aproximadamente
- A actuación consiste na execución dun muro para a contención do terreo, de 3 metros de altura e 80 de lonxitude, realizando un recheo con material filtrante
- Tamén se coloca unha tubaxe para conseguir a evacuación de augas pluviais e executarase unha beiravía
A Xunta convoca aos propietarios dos terreos afectados polas obras dun noiro na estrada OU-533, no Concello de Petín para o levantamento das actas previas, anuncio que publica onte o Diario Oficial de Galicia (DOG) (https://goo.gl/J7IGdZ).
Os propietarios deberán achegarse o vindeiro día 13 de xaneiro de 2017 na Casa do Concello de Petín, ás doce horas.
Estes traballos foron declarados pola Consellería de Infraestruturas e Vivendade emerxencia e adxudicados á empresa Explotaciones Medioambientales por un importe de máis de 215.000 euros.
A área na que se actúa está situada entre os puntos quilométricos 48+160 e 48+295 desta estrada autonómica, na que tivo lugar un desprendemento do noiro.
A actuación consiste na execución dun muro para a contención do terreo, de 3 metros de altura e 80 metros de lonxitude, realizando un recheo con material filtrante. Ademais colócase unha tubaxe para conseguir a evacuación de augas pluviais e executarase unha beiravía na coroación do muro.
O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.