Máis de 450.000 euros en axudas para iniciativas en termalismo, cooperación, benestar, cultura e deportes
- A Deputación aproba axudas por valor de 458.500 euros para iniciativas en termalismo, cooperación, benestar, cultura e deportes
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na sesión celebrada onte, aprobou un total de 458.458 euros en axudas destinadas a dezasete actuacións en materia de termalismo, cooperación benestar, cultura e deportes, tal e como informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da institución provincial, Montserrat Lama, ao termo da reunión.
No tocante a termalismo aprobáronse as bases reguladoras do concurso para a concesión de subvencións destinadas ao fomento do termalismo saudable e a cultura termal, correspondente ao exercicio 2017 e cun fondo de 80.000 euros. Este programa, que se enmarca na estratexia «Ourense, provincia termal», establece dúas grandes liñas de subvención. Por unha banda, o fomento do uso dos servizos dos establecementos balnearios da provincia por parte de persoas maiores de 50 anos, na procura de incentivar a súa calidade de vida e benestar, e a potenciación da cultura termal, pero desta volta para a poboación en xeral.
En 2017, o programa inclúe ao balneario de Cortegada e tamén está prevista a incorporación do balneario de Partovia, de tal modo que se dará cobertura a todos os establecementos balnearios que estean en activo na provincia. Ademais, en atención ás demandas do sector, o programa especializarase en «tratamentos balnearios», o que permitirá atender as patoloxías con maior demanda e nas instalacións máis especializadas. Tamén se regulan por vez primeira a duración das estancias, de modo que xunto á tradicional de 6 días/5 noites incorpórase a de 14 días/13 noites, co fin de facilitar o tratamento de patoloxías que precisan deste tempo para a aplicación das técnicas balnearias.
No capítulo de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou sete achegas, a primeira das cales ten como destinatario o Concello de Vilar de Santos, por un importe de 36.300 euros destinados ao equipamento e adaptación a persoas con mobilidade reducida do Centro de Iniciativas Empresariais. O Concello de Vilamartín de Valdeorras recibirá outros 17.500 euros para a mellora dos accesos no núcleo de Correxais, mentres que o Concello de Padrenda percibirá 5.936 euros para o desenvolvemento de actuacións medioambientais.
Neste capítulo tamén figuran o Concello de Muíños, cunha achega de 32.722 euros para mellora da rede viaria local e 18.000 para a Asociación de Veciños de Solveira, en Paderne de Allariz, destinados á adaptación do velorio e mailo acondicionamento dos seus accesos.
A estación de inverno de Manzaneda tamén recibirá unha axuda de 100.000 euros para o acondicionamento de albergues turísticos, respondendo así á demanda de novas alternativas de aloxamento. Por último, a Diócese de Ourense recibirá 20.000 euros que se corresponden coa cantidade doada pola Deputación na gala benéfica «Ourense con Ecuador», como axuda aos damnificados polo terremoto ocorrido neste país para cubrir as necesidades máis urxentes.
No apartado de benestar, o Concello da Gudiña percibirá 26.000 euros para accións de fomento da natalidade, servizos á infancia, xuventude e terceira idade, mentres que o Concello de Maceda disporá dunha axuda de 16.000 euros para a reforma da vella escola infantil, coa que o Concello pretende ampliar o número de prazas do Punto de Atención á Infancia, en resposta a alta demanda existente.
No ámbito cultural, a Xunta de Goberno aprobou a concesión dunha axuda de 3.993 euros para a Asociación Amigos da Cociña Galega, que nas súas actividades fará promoción da marca «Ourense, provincia termal», outros 30.000 en concepto de colaboración para as actividades que desenvolve a Fundación Curros Enríquez e 8.006 para a Escola de Gaitas e Percusión do Concello de Bande.
Xa por último e en materia de deportes, as achegas aprobadas teñen como destino ao Concello da Veiga, con 10.000 euros para a primeira edición da carreira de obstáculos Grand Prix-Race Edition. Dúas axudas por un importe total de 50.000 euros irán para os campamentos xuvenís, o programa «Coñece Ourense» e actividades de animación sociocultural no complexo turístico de O Corgo, no Concello de Muíños. Ademais, a Xunta de Goberno procedeu á ratificación do convenio de colaboración entre a Deputación e a Federación Galega de Balonmán, para a posta en marcha e cofinanciamento dunha escola provincial de base nesta disciplina.