Segunda convocatoria Celga 2016: finaliza esta fin de semana

  • Finaliza esta fin de semana a segunda convocatoria das probas Celga 2016
  • Comezou a semana pasada cos exames para obter o Celga 4 e o 2, continúa este sábado cos do Celga 3 e rematará mañá domingo cos do Celga 1
  • Onte e hoxe celébranse tamén as probas das 9 edicións de cursos de nivel superior de linguaxe administrativa convocados este ano pola Escola Galega de Administración Pública en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

 

celga_webCase 1500 persoas acudiron entre esta fin de semana e a pasada á segunda convocatoria das probas para a acreditación de coñecemento en lingua galega Celga do 2016, que finalizará mañá domingo coa celebración dos exames para obter o Celga 1.

Hoxe sábado é a quenda das 362 persoas que aspiran a obter o Celga 3, en tanto que os días 5 e 6 de novembro pasados tiveron lugar as probas para o Celga 4 e o Celga 2, respectivamente. As probas estanse desenvolvendo en Santiago de Compostela (no IES Antonio Fraguas e mais na Escola Galega de Administración Pública, EGAP) e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Ademais, esta fin de semana a EGAP acolle tamén as probas para os funcionarios que cursaron -quer na modalidade presencial, quer en liña- os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel superior convocados en xuño pasado pola propia EGAP en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas que están matriculadas un total de 224 persoas.

Capacitación para a normalización lingüística
Tanto os cursos de formación e os exames Celga coma os cursos de linguaxes específicas (xurídica e administrativa) convocados pola Xunta de Galicia perseguen entre os seus obxectivos unha capacitación en lingua galega que repercuta na normalización do seu uso.

O Celga, pola súa banda, é un modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación do galego adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa.O sistema Celga, implantado no ano 2007, proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en consonancia cos sistemas existentes para o resto dos idiomas de Europa.

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Consellería leva adiante tanto cursos como probas Celga, para o que se establece un cronograma anual conxunto que contempla a celebración dos exames inmediatamente despois do desenvolvemento dos cursos preparatorios.

Formación do funcionariado
Para facer efectivo o dereito da cidadanía a usar o galego oralmente e por escrito nas súas relacións coa Administración, os poderes públicos autonómicos teñen encomendada a capacitación progresiva do persoal que traballa ao servizo da Administración. Por mor deste mandato, a EGAP, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocou o pasado xuño 9 quendas ou edicións (7 en modalidade de teleformación e 2 presenciais) de cursos de linguaxe administrativa de nivel superior dirixidos a funcionariado das administracións autonómica e local, das universidades e a persoal de entes públicos instrumentais. En total, ofrecéronse 270 prazas para funcionariado que agora ten a oportunidade de examinarse dos coñecementos adquiridos neles.

También te podría gustar...