O número de empresas galegas que exportan a Colombia medrou un 75% nos últimos catro anos

  • A Xunta salienta que o número de empresas galegas que exportan a Colombia medrou preto dun 75% nos últimos catro anos
  • O director do Igape, Javier Aguilera, inaugurou en Chantada as Xornadas de internacionalización Galicia-Colombia organizadas pola Asociación de Adegueiros e Transformadores do Miño co apoio do programa Galicia Exporta
  • Aguilera destacou a recoñecida calidade dos viños galegos e subliña que as exportacións de bebidas a Colombia creceron máis dun 8% no que vai de ano

image_gallery-3

 

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou na inauguración en Chantada das Xornadas de internacionalización Galicia-Colombia organizadas pola Asociación de Adegueiros e Transformadores do Miño que o ano pasado exportaron a ese mercado 229 empresas galegas.

Así, Aguilera destacou que o numero de empresas que exportan a Colombia creceu durante os últimos catro anos preto dun 75% e subliñou que as exportacións de bebidas medraron nun 8,4% no que vai de ano. Con todo, manifestou, hai moito marxe de mellora, considerando a recoñecida calidade dos viños galegos.

A Asociación de Adegueiros e Transformadores do Miño ten entre os seus obxectivos xuntar esforzos para incrementar a calidade e as exportacións dos viños da Ribeira Sacra. Para avanzar neste segundo ámbito, organiza as xornadas de internacionalización inauguradas en Chantada, nas que participan importadores, expertos en viños e xornalistas de medios especializados. O encontro conta co apoio do Igape a través do programa Galicia Exporta.

No marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que ten en marcha a Xunta a través do Igape, as empresas dispoñen dun completo abano de servizos e liñas de apoio para cada fase de expansión exterior, desde os diagnósticos iniciais para coñecer o propio potencial ata as axudas para localizar novas oportunidades de negocio en feiras internacionais ou para consolidar proxectos de implantación comercial en mercados exteriores.

Despois de conseguir un récord histórico en 2015, cunhas vendas cifradas en 18.830 millóns de euros, as exportacións galegas seguen a medrar no que vai de ano, cun incremento do 5,4% ata o pasado mes de agosto, catro veces máis que a media española, que se sitúa nun 1,3%. Estes datos sitúan a Galicia como a cuarta comunidade onde máis medran as exportacións, incrementándose nun 22,4% o saldo positivo da balanza comercial galega.

También te podría gustar...