As exportacións galegas ao Reino Unido superan os 1.000 millóns de euros ao medrar nun 80% este ano
- A Xunta salienta que as exportacións galegas ao Reino Unido superan xa os 1.000 millóns de euros ao medrar nun 80% este ano
- O director do Igape, Javier Aguilera, participou na apertura do seminario ‘Como facer negocios no Reino Unido’, que incluíu un relatorio sobre as consecuencias do ‘brexit’
- Aguilera destaca que as exportacións galegas a este mercado, dominadas polos produtos industriais e a tecnoloxía, van camiño de marcar un novo récord histórico, en tanto que as importacións caen nun 53%
O director do Igape, Javier Aguilera, salientou a positiva evolución das exportacións galegas ao Reino Unido durante este ano, para superar os 1.075 millóns de euros ata agosto, cun incremento do 80% respecto ao mesmo período do ano anterior, en tanto que as importacións caeron nun 53%. O 65% das exportacións corresponden ao capítulo de produtos industriais e tecnoloxía, que rexistra un incremento do 156%.
Segundo sinalou Aguilera, que participou na apertura do seminario Como facer negocios no Reino Unido, máis de 500 empresas galegas exportaron durante o ano pasado ao Reino Unido, sumando vendas de 1.097 millóns de euros, case un 30% máis que durante 2014; unha cifra excepcional que, engadiu, se vai superar amplamente en 2016. O director do Igape advertiu, sen embargo, que cómpre estar especialmente alerta para procurar que a axenda do brexit afecte o menos posible ás relacións comerciais. Na apertura do seminario sobre o Reino Unido participou tamén o vicepresidente da CEG José Manuel Pérez Canal.
O seminario desenvolvido na sede do Igape incluíu un relatorio de Ricard Palau, analista da plataforma Pexga no Reino Unido sobre os servizos a disposición das empresas galegas, os sectores de oportunidade e as estratexias e as claves de acceso a este mercado. Por outra banda, os asistentes puideron seguir a intervención da experta Isabel Fernández sobre a axenda e as posibles consecuencias do brexit para as empresas, así como sobre as alternativas e as novas estratexias a adoptar.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu este ano, a través do programa Galicia Exporta, axudas por preto de 6 millóns de euros para facilitar a presenza das empresas galegas nos mercados exteriores do seu interese, para que exploren e amplíen, ben de forma individual ou colectiva, oportunidades de negocio, acudindo a feiras internacionais multisectoriais ou a eventos especializados.
Este seminario sobre os negocios no Reino Unido formou parte do encontro coa plataforma da Rede Pexga, que se desenvolveu en Santiago desde o pasado martes e que incluíu encontros bilaterais das empresas participantes cos expertos no mercado británico.
Ao abeiro da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega que está desenvolvendo a Xunta a través do Igape, as pemes poden contar con servizos e liñas de apoio, tanto en orixe como en destino e para cada fase de expansión exterior; servizos como os diagnósticos previos á primeira exportación ou como os prestados polas plataformas Pexga nos mercados máis relevantes para a economía de Galicia.