Rubia Galega: prestixiosos cociñeiros ingleses trasladáronse para coñecer de primeira man as súas calidades

  • Prestixiosos cociñeiros ingleses visitaron Galicia para coñecer de primeira man as calidades da carne Rubia Galega
  • Da man da distribuidora de produtos cárnicos Discarlux e en colaboración coa Consellería do Medio Rural, visitaron diversas explotacións e puideron degustar estas e outras carnes de razas autóctonas galegas

 

rubia_gallegaEstes días trasladáronse á nosa Comunidade un grupo de prestixiosos cociñeiros ingleses para coñecer de primeira man as calidades da carne de Rubia Galega, principalmente, e da Frieiresa e Vienesa.

Da man da distribuidora de produtos cárnicos Discarlux e da Consellería do Medio Rural, un nutrido grupo de cociñeiros de catro famosos restaurantes londinenses -Beast Restaurant, Goodman Restaurant, Lurra e Donostia- visitaron as granxas de Juan Luis Mantiñán, na provincia da Coruña, que se caracterizan precisamente pola cría de bois en liberdade.

Posteriormente puideron coñecer o funcionamento de pequenas explotacións familiares para ver o mimo e coidado co que tratan aos animais. Finalmente degustaron estas viandas e analizaron as súas calidades gustativas e sensoriais. A carne de Rubia Galega está moi ben valorada no país anglosaxón e o seu prestixio está en alza entre os consumidores.

Rubia Galega
A Consellería do Medio Rural mantén un convenio de colaboración coa Asociación Nacional de Criadores da Raza Rubia Galega para o desenvolvemento do programa de consolidación e diversificación da raza Rubia Galega, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). O obxectivo deste convenio é intensificar os traballos de selección dos reprodutores da raza, co fin de recuperar a súa variabilidade xenética e apuntalar os seus parámetros produtivos característicos.

A explotación sostible dos recursos autóctonos é unha actividade económica de especial relevancia naquelas contornas nas que a adaptación ao medio xeofísico resulta imprescindible para o mantemento da rendibilidade. A Rubia Galega é unha raza bovina autóctona de Galicia cun acervo xenético que acumula unha parte imprescindible dos recursos zooxenéticos autóctonos da nosa Comunidade, polo que resulta de suma importancia a súa consolidación. A Xunta vén apoiando regularmente os programas de mellora gandeira, non só no caso do gando frisón de leite, senón tamén no das razas autóctonas.

 

También te podría gustar...