Máis de 100.000 euros en axudas para temas de cultura, deporte, turismo e infraestruturas

  • A Xunta de Goberno da Deputación aprobou máis de 100.000 euros en axudas para temas de cultura, deporte, turismo e infraestruturas
Xunta de Goberno (07/10/2016)

Xunta de Goberno (07/10/2016)

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou 130.424,08 euros para temas de cultura, deporte, turismo e infraestruturas, para asociacións e concellos da provincia de Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 7 de outubro.

En concreto, a Xunta de Goberno aprobou no ámbito cultural, tres axudas para Sarabela SL., unha delas por importe de 15.000 euros para a celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU 2016), outra de 20.000 euros para a celebración do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO 2016), e para a produción da obra infantil «O Secuestro da Bibliotecaria», unha axuda de 10.000 euros.

En materia de cooperación, na reunión aprobouse unha axuda para o Concello de Maceda de 60.000 euros, destinada á mellora de equipamentos deportivos no pavillón polideportivo de Maceda. Para o Concello de San Cibrao das Viñas aprobou unha axuda de 21.000 euros, para a elaboración dun plan estratéxico orientado ao fomento dos recursos empresariais e turísticos do Concello. Por último, para o Concello de Verea unha axuda por importe de 4.424,08 euros para cambio de carpintería e dotación de mobiliario na Casa do Concello.

En canto ao Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2016, a Xunta de Goberno aprobou dúas modificacións, unha relativa ao Concello de Leiro, incorporando ao plan a obra «senda fluvial marxe dereita no río Avia en Leiro», en substitución da obra «reconstrución pasarela peonil en Leiro». E outra modificación é relativa ao Concello de Chandrexa de Queixa, incorporando ao Plan a obra «mellora de rúas na aldea de Chaveán», en lugar da obra «acondicionamento de piscina fluvial en Rabal».

Na xuntanza aprobouse a resolución do concurso público para a concesión de axudas a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2016, pola que aproba en total 149.681,80 euros en axudas a máis de 190 actividades realizadas por diferentes entidades da provincia.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a adhesión dos concellos de Sandiás e San Xoan de Río, para a prestación por parte da Deputación de Ourense, do servizo de inspección de tributos municipais para o período 2016-2019.

También te podría gustar...