‘Á luz do Calixtino. O códice de Santiago’: preto de 1.250 visitantes na primeira semana
- A exposición ‘Á luz do Calixtino. O códice de Santiago’ supera na súa primeira semana os 1.240 visitantes
- A mostra, organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, enmárcase na candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da Unesco
- A exposición de carácter divulgativo e didáctico percorreu varias cidades europeas e españolas antes de chegar a Santiago
- Permanecerá aberta ao público na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o próximo 3 de novembro
A exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’ que pode visitarse desde o pasado 14 de setembro na Universidade de Santiago de Compostela superou os 1.240 visitantes na súa primeira semana. A mostra, organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, enmárcase na candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da Unesco.
Turismo de Galicia achega así esta exposición de carácter divulgativo e didáctico que despois de percorrer varias cidades europeas e españolas chega agora a Santiago para reforzo o apoio a dita candidatura. Para iso, a mostra conta con textos, fotografías, o facsímile do documento e pezas orixinais, así como recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice onde a creatividade contemporánea forma parte do proxecto.
Do mesmo xeito, ademais de varias láminas orixinais do artista Francisco Leiro, que forman parte da primeira versión completa do Calixtino en lingua galega, a exposición mostra unha serie de fotografías actuais do Camiño de Santiago, de artistas como Luís Gabú, Santy López, Manuel Valcárcel, Margen Fotografía, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach, que ilustran a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi.
Trátase, xa que logo, dunha maridaxe entre o pensamento do século XII e a vivencia da peregrinación compostelá no século XXI. A mostra permanecerá aberta ao público de luns a sábado ata o próximo 3 de novembro en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas.