As «Historias na pel» de RAIBA o sábado en Quiroga
- O sábado 24 ás 24.00 h na Cervecería Ruxe-Ruxe de Quiroga, concerto do grupo RAIBA .
- O seu vocalista é o quirogués Xavier Castro, «Xavinho», e o concerto forma parte da xira de presentación do seu terceiro traballo «Historias na pel»
Raiba naceu 2009 sendo hoxe unha das bandas máis representativas do novo metal galego con influencias do punk e o hardcore. Un dos directos máis enérxicos do rock galego con eventuais guiños electrónicos.
O seu vocalista é Xavinho, un quirogués que foi fundador de bandas como Acceso Denegado, Fai Tun Flai e Nao e o resto da banda son F. Bernardini (baterísta), Fran J. Castro (guitarrista) e Borja (baixista).
DISCOGRAFÍA:
“Por Vivir” (2011). Disco gravado e producido por Javier Abreu (Galiza) e masterizado polo afamado Mika Jussila (Finlandia). O grupo xirou con este album por todo o país dándose a coñecer con este LP de excelente calidade e gran acollida nos directos.
“Versos de Revolta” (2014), gravado e masterizado en Portugal polo produtor Pedro Mendes, a banda quixo amosar con este traballo LP que a sociedade actual segue a ter as mesmas preocupacións e inquedanzas de hai séculos; o cedé físico é unha peza artesá na que se viaxa no tempo a través da escolma poética de varios escritores, dende o Rexurdimento ata os autores contemporáneos como Xose Luis Méndez Ferrín, – quen mesmo recita na primeira pista do LP a modo de introdución. Amparados pola Historia e a Poesía, Raiba fixo unha ampla xira de salas no 2015 explicando esta mensaxe.
En febreiro do 2016 RAIBA comezou a gravar en estudos de POUSADA SON (Ames, Galiza) o seu terceiro traballo, un EP titulado «Historias na pel». Sen perder o estilo punk e harcore terá novos guiños á música electrónica.