A vindeira semana comezarán os traballos urxentes en zonas afectadas por incendios
- A vindeira semana comezarán os traballos urxentes para recuperar o potencial forestal en zonas afectadas por incendios
- A Xunta destina a estas actuacións un orzamento de preto de tres millóns de euros, que servirán para facer un control dos riscos hidrolóxicos erosivos asociados aos lumes e atallar os posibles procesos de degradación dos solos
A vindeira semana comezarán os traballos urxentes para a recuperación do potencial forestal en zonas afectadas polos incendios do verán nos montes galegos. A Xunta destina a estas actuacións un orzamento de preto de tres millóns de euros, que servirán para facer un control dos riscos hidrolóxicos erosivos asociados aos lumes e atallar os posibles procesos de degradación dos solos afectados, para contribuír así a recuperar o potencial forestal.
Ademais das actuacións específicas de consolidación de solos realizaranse outras accións, como sementados rexenerativos, eliminación de madeira queimada sen valor de mercado para mellorar a posterior rexeneración do arborado ou aproveitamento da madeira recuperable. Por outro lado, é preciso mellorar as infraestruturas forestais das zonas queimadas, reparando as cunetas e as obras de paso para facilitar a capacidade de evacuación de augas.
Tamén, dende o punto de vista da recuperación de infraestruturas de protección dos terreos forestais, contémplanse o arranxo de peches gandeiros afectados incluíndo a substitución dos queimados e as súas infraestruturas complementarias.
As zonas principais de avaliación serán as superficies queimadas nos incendios producidos no ano 2016 cunha superficie que supera as 100 hectáreas e actuarase nos que sexa necesario tomar as medidas oportunas.
Para planificar estes labores, os técnicos da Consellería do Medio Rural estiveron xa nas últimas semanas traballando nas diferentes zonas afectadas, co fin de avaliar os danos e concretar as medidas a adoptar. Ademais, responsables do departamento que dirixe Ángeles Vázquez –e a propia conselleira– mantiveron diferentes xuntanzas con alcaldes e afectados para coordinar todos estes traballos.
Para levar a cabo esta intervención, pártese do feito de que o verán de 2016 estase caracterizando por unhas condicións climatolóxicas adversas de altas temperaturas, frecuencia de días con vento e falla de precipitacións. Esta primeira actuación virá seguida por outra proposta de características semellantes, actualmente en fase de redacción.
Estas medidas beneficiarán especialmente os propietarios dos montes afectados polos incendios, así como aos titulares dos dereitos de pastoreo, xa que permitirán unha recuperación mais rápida dos recursos forestais, diminuíndo o risco de erosión e a conseguinte perda de solo. Adicionalmente, isto terá un impacto favorable na regulación das augas de escorrentía.