Ampliado o prazo ata o 5 de setembro para solicitar o voto desde o estranxeiro
- A Xunta Electoral amplía o prazo ata o 5 de setembro para solicitar o voto desde o estranxeiro nas eleccións autonómicas
- Inicialmente este prazo remataba hoxe, día 27 de agosto
A Xunta Electoral Central vén de ampliar o prazo ata o 5 de setembro para que os electores residentes no estranxeiro (CERA) e os electores temporalmente ausentes (ERTA) poidan solicitar o voto nas vindeiras eleccións autonómicas que se celebran o 25 de setembro.
Cómpre lembrar que inicialmente este prazo remataba hoxe, día 27 de agosto, pero agora os cidadáns que se atopan nesas circunstancias dispoñen dun prazo máis amplo para exercer o seu dereito a voto. Esta prolongación do prazo está referida tanto para as eleccións galegas como para as vascas, que se celebran o mesmo día.
Ademais, a Xunta Electoral Central tamén ampliou o prazo para a remisión da documentación a estes electores pola Oficina do Censo Electoral ata o 7 de setembro.
Poderán votar desde o estranxeiro os electores e as electoras inscritos a día 1 de xuño de 2016 no Censo de residentes ausentes que vivan no estranxeiro de forma permanente.
No caso do electorado temporalmente no estranxeiro debe estar censado en Galicia e residir temporalmente no exterior, polo que non poden exercer o voto presencial. Ademais, debe darse o caso de non poder exercer o voto por correo porque os trámites deben ser realizados polo propio elector ou a propia electora, persoalmente, nas oficinas de Correos do territorio nacional. Estes electores non deben estar inscritos no censo electoral de residentes ausentes (CERA) por non residir con carácter permanente no estranxeiro. E deben figurar inscritos no Rexistro de Matrícula Consular como non residentes.