Axudas para a contratación de técnicos de emprego

  • A Xunta activa as axudas para apoiar a contratación dos profesionais da rede de técnicos de emprego de Galicia
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte dúas convocatorias de axudas dirixidas aos concellos e ás entidades sen ánimo de lucro
  • A Rede de Técnicos de Emprego de Galicia agrupa na actualidade a máis de 280 profesionais en 231 concellos e entidades
  • Contribúen a fixar poboación no rural impulsando o emprendemento ao tempo que apoian ás persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral

Captura2O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte os apoios da Xunta para colaborar cos concellos e entidades sen ánimo de lucro no mantemento e nova contratación do persoal que conforma a rede de técnicos de emprego de Galicia.

Esta Rede está formada na actualidade por máis de 280 traballadores e traballadoras en 231 concellos e entidades sen ánimo de lucro, e ten como cometido impulsar o emprendemento no rural axudando ás empresas a desenvolver os seus proxectos e axudar ás persoas con especiais dificultades de inserción socio laboral. O Goberno galego está a mellorar e reforzar a Rede a partir das demandas dos seus traballadores.

O Diario Oficial de Galicia publica, dunha banda, apoios por 2,2 millóns de euros dirixidos aos concellos para colaborar con eles na contratación deste persoal que centra o seu labor en dinamizar e xerar novas actividades empresariais no eido local e rural. E, doutra banda, publícase unha segunda convocatoria de axudas por 1 millón de euros para cooperar coas entidades sen ánimo de lucro para o mesmo fin. Neste caso, estes profesionais axudan ás persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social a atopar un posto de traballo.

Estes traballadores e traballadoras contribúen, polo tanto, a fixar poboación no rural e a axudar ás persoas con especiais dificultades de inserción socio laboral, unha das prioridades nas que traballa o Goberno galego a través da Axenda 20 para o Emprego. O prazo de solicitude destas axudas rematará o próximo 23 de setembro e os contratos deberán iniciarse neste ano.

 

También te podría gustar...