Axudas por 170.000 euros á edición en galego de materiais didácticos

  • Concedidas as axudas á edición en galego de materiais didácticos para o ensino non universitario
  • Un total de 9 editoriais resultaron beneficiarias destas axudas

 

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución pola que se conceden axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, á que se destinan 170.000 euros. A través destas subvencións a Consellería de Cultura e Educación busca garantir unha oferta de material educativo en galego no ensino regrado que sexa á vez ampla e con calidade científica e pedagóxica, tanto en formato impreso coma dixital.

Con estas subvencións preténdese ademais de apoiar o sector editorial galego, xa que gran parte dos proxectos escollidos foron presentados por empresas da nosa Comunidade.

Xerme Edicións S.L.; Editorial Vicens Vives S.A.; Edicións Xerais Galicia S.A.; Editorial Luís Vives; Ediciones Don Bosco (Editorial Rodeira- Edebé); Edicións Obradoiro S.L.; Happy Family, S.L.; Baia Edicións A Coruña S.L.; e Servipost Editores S.L.U.; son as nove editoriais que resultaron adxudicatarias destas axudas.

 

Requisitos

Para poder acceder a estas achegas, as empresas debían dispor dun departamento de edición na Comunidade galega; os materiais ou proxectos propostos debían estar correctamente realizados en galego; os editados en soporte impreso tiñan que ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, os editados en soporte dixital ou audiovisual un mínimo de 500 e as electrónicas, de se editar nalgún soporte tanxible (pen-drive, CD, DVD ou outros), un mínimo de 50 exemplares; e por último, as obras en formato electrónico tiñan que estar destinadas á venda e ter acreditado o correspondente número ISBN e a referencia do depósito legal definitivo con data posterior ao 31 de decembro de 2014.

También te podría gustar...