Coworking en Ourense: 37 propostas na primeira convocatoria dos espazos
- Un total de 37 propostas preséntanse á primeira convocatoria dos espazos coworking que abrirán en setembro en Ourense
- A selección dos participantes, que poderán acceder a formación e asesoramento nos centros de Xinzo de Limia e Celanova, comezará a principios do próximo mes
- O programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, desenvólvese ao abeiro do acordo de colaboración entre a Xunta e a Escuela de Organización Industrial (EOI)
- O obxectivo desta iniciativa é fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos novos proxectos empresariais
Un total de 37 propostas presentáronse aos dous espazos coworking que comezarán o seu labor a mediados de setembro na provincia de Ourense e que se desenvolven no marco do acordo de colaboración da Xunta, a través do Igape, e da Escuela de Organización Industrial (EOI). En concreto, recibíronse 19 iniciativas empresariais para Celanova e 18 para Xinzo de Limia. Nestes procesos de formación e asesoramento especializado poderán participar ata tres persoas por proxecto, polo que ao redor dun cento de emprendedores poderán recibir formación e asesoramento gratuíto.
Durante a primeira semana de setembro, realizarase o proceso de selección a través de entrevistas persoais aos inscritos, coñecendo así as necesidades formativas específicas de cada aspirante en función das peculiaridades dos proxectos.
No marco da actuación de aceleración de proxectos empresariais, poderán participar en total, durante os dous próximos anos, arredor de 1.500 persoas con vocación emprendedora en toda Galicia –500 en Ourense– nas seis novas aceleradoras de emprendemento que se porán en marcha: ademais de Celanova e Xinzo, o proxecto inclúe catro coworkings máis en Cabana de Bergantiños e Ferrol (A Coruña), e en Mondoñedo e Monforte (Lugo).
Ao abeiro do convenio de colaboración, o proxecto de coworking, impulsado coa EOI e que conta co apoio do Fondo Social Europeo, contribuirá a que os emprendedores dispoñan de diferentes servizos e instrumentos de apoio. Para esta iniciativa cóntase coa cooperación dos concellos, que ceden os locais para a formación e asesoramento dos emprendedores e para a posta en marcha e aceleración dos mellores proxectos, que serán titorizados por expertos.
O obxectivo prioritario das iniciativas de coworking é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais sobre o territorio; incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores ourensáns e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá. En cada unha das sedes das aceleradoras haberá catro edicións sucesivas que se desenvolverán durante 5 meses cada unha e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos 22 proxectos que, como máximo, se atenderán por convocatoria e localización.