‘O galego campa!’ verán 2016: 17 campamentos e 1.500 rapaces participantes
- 1.500 mozos gozaron este verán dos campamentos de promoción da lingua galega ‘O galego campa!’
- A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado promoveron a sexta edición deste programa de dinamización lingüística, que levou dinámicas de educación global a 17 campamentos de verán
‘O galego campa!’, o programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, chegou onte á súa fin tras promover o uso do galego entre 1.479 rapaces asistentes a 17 campamentos da Acción de Verán 2016 da Xunta de Galicia.
A sexta edición de O galego campa! incluíu a ampliación dos materiais para o monitorado que compoñen o “Repositorio dixital do tempo libre en galego” (http://www.lingua.gal/recursos/para-medrar-en-galego/_/promovelo/contido_0304/repositorio-dixital-tempo-libre-galego) con 7 dinámicas de educación global (http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/recursos/_/contido_0344/dinamicas-educacion-global) e o desenvolvemento destas dinámicas nos seguintes campamentos: o Campamento Xuvenil Espiñeira (Boiro, A Coruña), o Albergue Municipal Quiroga (Quiroga, Lugo), o Campamento Xuvenil Furelos (Melide, A Coruña), o Campamento Xuvenil A Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), o Campamento Xuvenil Pontemaril (Forcarei, Pontevedra; en dúas quendas), o Albergue Xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo), o Albergue Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense), o Albergue Xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa, Pontevedra; en dúas quendas), o Campamento Xuvenil Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo; en dúas quendas), o Albergue Xuvenil Area (Viveiro, Lugo), o Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), o Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña), a Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense), o Complexo O Corgo (Muíños, Ourense) e mais o Campamento Xuvenil A Devesa (Ribadeo, Lugo).
Os obxectivos do programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’ son favorecer o desenvolvemento da actividade en galego no contexto dos campamentos de verán da Xunta de Galicia e mais facilitarlle formación e recursos ao monitorado para a realización de actividades que animen os rapaces e rapazas a se expresar nesta lingua.
Dinámicas de educación global en galego
As novas dinámicas de educación global que se desenvolveron este ano en 17 campamentos da Xunta, accesibles de balde no Repositorio dixital do tempo libre en galego do Portal da Lingua Galega, son adaptacións de propostas dos programas de mocidade e inclusión social do Consello de Europa e do centro de recursos SALTO da Comisión Europea que, por primeira vez, se poñen a disposición do monitorado nunha das linguas cooficiais de Galicia para que lle sexan máis accesibles.
A diferenza dos recursos ata agora existentes no repositorio, non se trata de actividades soltas, senón de series completas que xiran arredor dalgún aspecto da educación democrática e para os dereitos humanos e que buscan favorecer a reflexión, o debate, a construción de grupo e o desenvolvemento do sentido crítico na lingua propia de Galicia. O monitorado da campaña Acción de Verán 2016 tivo ocasión de elixir, entre as 7 propostas, aquela dinámica que se axustaba máis a cada campamento e de implicarse na súa posta en marcha.
Promoción do galego entre a xente nova
‘O galego campa!’ desenvolve o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega así como o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-16, coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que recolle 11 medidas de promoción do galego entre a mocidade.