Prestada axuda psicolóxica a un vinte e tres por cento máis de persoas vítimas da violencia de xénero
- O Programa de atención psicolóxica a vítimas da violencia de xénero atendeu a máis de 400 persoas no primeiro semestre de 2016
- A Xunta, coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, prestou axuda psicolóxica a un vinte e tres por cento máis de persoas vítimas da violencia de xénero que no mesmo período do ano pasado
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu nunha rolda de prensa onde informou das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero, no primeiro semestre do ano 2016.
Nestes primeiros seis meses foron 418 as persoas atendidas a través do programa de atención psicolóxica a mulleres vítimas da violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, 78 máis que no mesmo período do pasado ano, o que supón un incremento do 23 por cento. Dos 418 partícipes do programa, 306 son mulleres, 93 menores e 19 son persoas dependentes ao seu cargo.
Na actualidade, o programa, impulsado pola Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia dende hai máis de dez anos, conta cunha rede de 108 terapeutas repartidos por toda a xeografía galega. Desde 2014 incorporáronse melloras substanciais, como a activación do grupo GIPCE, en casos especialmente graves de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias.
Durante a presentación dos datos, a secretaria xeral lembrou a muller asasinada este ano no concello de Becerreá, Ana Gómez Nieto, e explicou que actualmente existen dous casos en investigación en Galicia: en Lugo e Porto do Son.
Ademais, López Abella informou de que desde 2013 o Goberno galego conta cun protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero. Desde entón, son 12 os procedementos nos que a Administración autonómica se constituíu como parte.
Axudas económicas
Segundo explicou López Abella, a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu, no primeiro semestre do ano, axudas económicas a 177 mulleres, 35 máis que no mesmo período do pasado ano. Preto do 75 por cento destas axudas correspóndense coa modalidade de pagamento periódico, nas que as vítimas reciben mensualmente cantidades que oscilan entre os 300 e os 800 euros mensuais. No resto dos casos, recibiron axudas de pagamento único por acreditar insuficiencia de recursos e especiais dificultades para acceder a un emprego ou en concepto de indemnizacións.
Das 177 mulleres beneficiarias destas axudas, 79 residen na provincia da Coruña, 63 en Pontevedra, 22 en Lugo e 13 en Ourense.