Presentación de ‘Cantiga’, novo disco de Resonet no que recupera a música medieval galega

  • Resonet presenta o seu novo disco Cantiga, no que recupera a música medieval galega
  • A Consellería de Cultura e Educación promove este traballo de recuperación das obras de trobadores galegos e portugueses dos séculos XIII e XIV
  • A igrexa de San Domingos de Bonaval acolle hoxe mércores 27 de xullo ás 20 h o seu concerto de presentación no que amosarán as xoias do tesouro musical medieval galego e portugués

image_gallery (1)

 

O concerto de presentación do novo traballo discográfico do grupo galego Resonet, “Cantiga”, promovido pola Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia para favorecer a difusión do patrimonio cultural musical galego, terá lugar hoxe mércores 27 de xullo, ás 20:00 horas, terá lugar na igrexa de San Domingos de Bonaval.

Trátase do primeiro disco que esta consolidada agrupación dedica integramente á lírica medieval de trobadores galegos e portugueses, co obxectivo de difundir a riqueza e interese duns textos literarios que foron creados para ser cantados, e dalgúns dos cales se conserva a notación musical para a súa interpretación, como é o caso das cantigas de Martín Códax recollidas no pergamiño Vindel. Coa difusión deste traballo, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, pretende contribuír a un maior coñecemento e aprecio social do patrimonio cultural das cantigas medievais, que foron un referente da creación musical e literaria nos séculos XIII e XIV.

image_gallery (2)

 

Investigar para unha interpretación fidedigna

Neste traballo Resonet, dirixido polo laudista Fernando Reyes, e integrado actualmente polos instrumentistas Paulo González, Carlos Castro e pola soprano Mercedes Hernández, dálle rexistro a cantigas de creadores medievais galegos e portugueses como Don Dinís, o xograr Lourenço, Pai Gómez Chariño, Mendiño, Martín Códax, Johan Zorro, Airas Nunez, Nuno Fernández ou Roi Fernandiz de Santiago, baseándose nos manuscritos conservados, como o citado pergamiño Vindel, o Sharrer ou o Cancioneiro de Ajuda, que lles permiten investigar e reinterpretar estes repertorios musicais.

Resonet iniciou o seu labor de recuperación da música antiga vinculada ao Camiño de Santiago en 1990, co fin de contribuír á reprodución das obras musicais coa maior fidelidade posible ás fontes históricas, para o cal incorporan instrumentos orixinais ou copias, e técnicas vocais axeitadas aos diferentes períodos estéticos integrados no seu repertorio.

Os seus compoñentes, procedentes de distintos puntos de España e doutros países europeos, están especializados na interpretación da música antiga nos máis prestixiosos centros de formación de Europa, como o Conservatorio de Toulouse (Francia), a Musikhochschule de Trossingen (Alemania) e a Schola Cantorum Basiliensis (Basilea, Suiza). O seu repertorio, ademais da música medieval galega, percorre diferentes estilos históricos, con especial interese pola música relacionada co Camiño de Santiago, á que ten dedicado seis discos: “La Grande Chanson” con música de peregrinos franceses do século XVII; “Les Pellerines” sobre a moda da peregrinación na Francia barroca; “¡Santiago!, música e peregrinación a Santiago no Renacemento”; “Il Pellegrino” con músicas relacionadas coa viaxe de Cosme III de Médici en 1668; e “Canto de Ultreia” e “Festa Dies: A consagración da Catedral de Santiago de Compostela, 1211”, ambos con músicas do Códice Calixtino e cantos de peregrinos.

O seu novo disco, “Cantiga”, foi gravado na igrexa de São Pedro de Rates, en Portugal, onde tamén se estreou o pasado 15 de xullo.

También te podría gustar...