A Xuntanza Internacional de Gaiteiros «é un referente dentro do calendario festivo da provincia de Ourense»
- A Ponte Romana de Ourense, escenario da segunda xornada da XXXI «Xuntanza Internacional de Gaiteiros»
- Este evento, que renderá homenaxe ao gaiteiro Pepe Temprano, celebrarase o vindeiro domingo, 24 de xullo, ás 21.00 horas
A Ponte Romana de Ourense acolle a segunda xornada da XXXI edición da «Xuntanza Internacional de Gaiteiros» o vindeiro domingo, 24 de xullo, ás 21.00 horas. A presentación desta tradicional festa tivo lugar onte no Pazo Provincial na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; o presidente da comisión de festas da Ponte, Sindo Alonso; e o membro da comisión de festas da Ponte, Pablo Prol.
Rosendo Fernández destacou que esta celebración «será un espectáculo dentro dun marco incomparable, no que tamén se lle renderá homenaxe ao gaiteiro, Pepe Temprano. A «Xuntanza Internacional de Gaiteiros» é un referente dentro do calendario festivo da provincia de Ourense».
O director da Real Banda de Gaitas explicou que este evento «naceu hai 31 anos nas festas da Ponte, e desde o ano pasado quixemos recuperar esta segunda xornada. Trátase dun programa moi interesante que complementa ao das festas, e esperamos que este evento axude a esa grandeza que sempre tivo a Ponte».
En canto ao cartel da celebración comeza coa interpretación do himno da Xuntanza e, continúa a desenvolverse o programa coas actuacións da Banda de gaitas Devandoira de Lugo, Evgenia Panta (Grecia), David López García (Cantabria), Pepe Temprano (A Coruña), Jarig Platinga (Holanda), Cantareiras da Real Banda, Daniel García de la Cuesta (Asturias), Mikiko Watanabe & Antón Varela (Xapón – Galicia), Lua Nova-Gaiteiros de Mogadouro (Portugal), e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
Asemade, tal e como explicou na presentación Xosé Lois Foxo, a programación complétase con outras actividades como a exposición de gaitas e instrumentos antigos da colección de Pepe Temprano, do 22 ao 25 de xullo, na Escola Provincial de Gaitas. E, nese mesmo lugar, o día 24 de xullo, ás 12.30 horas, terá lugar unha conferencia e coloquio sobre a gaita, no que participarán os artesáns David López e Antón Varela.
Pola súa banda, Sindo Alonso agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense e da Real Banda de Gaitas por organizar «un acontecemento que leva dous anos a celebrarse nas festas da Ponte e que ten unha gran aceptación». Asemade lembrou aos asistentes que teñan precaución por mor das obras que se están a efectuar na zona.