As «Noites Teatrais» de Vilamarín, do 12 ao 15 de xullo no Auditorio Municipal
- As «Noites Teatrais» de Vilamarín céntranse este ano nas obras de comedia
- Terán lugar do 12 ao 15 de xullo no Auditorio Municipal de Vilamarín
As obras de comedia serán as protagonistas da XXIX edición das «Noites Teatrais» de Vilamarín, que terán lugar do 12 ao 15 de xullo no Auditorio Municipal, ás 22.30 horas, con entrada gratuíta. A presentación tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez; a concelleira de Cultura, Marina Rodríguez; e a xefa territorial de Cultura en Ourense, Mercedes Gallego.
Rosendo Fernández destacou que se trata «dun dos certames de artes escénicas máis importantes de Galicia, que se leva a cabo grazas á colaboración de institucións, no que se dan cita o lecer, a cultura e a convivencia social», e engadiu, «a Deputación de Ourense sempre está ao carón deste tipo de eventos que fomentan o desenvolvemento social e cultural da provincia».
O alcalde de Vilamarín explicou que o obxecto destas xornadas é que a xente da bisbarra e de toda a provincia de Ourense, «pasen unhas horas distendidas ao carón da cultura e da creatividade da escena nestas noites teatrais», e por outra parte, asegurou que esta iniciativa trata de «potenciar a nosa cultura e á nosa xente, tanto de Ourense como de Galicia, que veñen eses días actuar a Vilamarín».
Pola súa banda, Marina Rodríguez detallou a programación que «como todos os anos tratamos de que sexan comedias, pois é o que máis demanda a xente que vén a Vilamarín». Cun aforo de 400 persoas, o Auditorio Municipal de Vilamarín acollerá o martes, 12 de xullo, a Aula de Teatro Universitario de Ourense «Maricastaña» coa obra Demediado, «dentro do xénero do teatro clásico e na que, dentro do reparto, participan dous actores de Vilamarín», dixo a concelleira de Cultura. O mércores, 13 de xullo, «Redrum Teatro» subiranse ao escenario para interpretar a obra Noiteboa «na que participan Mela Casal e Ernesto Chao, dúas persoas xa moi recoñecidas no teatro galego e na televisión», engadiu Marina. O xoves, 14 de xullo é a quenda para o grupo «Chévere» coa obra Eroski Paraíso, o primeiro espectáculo que fan desde que recibiron no 2014 o premio Nacional de Teatro. Por último, o venres, 15 de xullo, a obra Furancho do grupo «Ibuprofeno Teatro» «fará participar e interactuar ao público asistente», afirmou a concelleira.
Mercedes Gallego asegurou que este evento «conta cunha tradición importante na axenda dos actos culturais de Ourense e tamén é referente en Galicia, cun cartel variado e entretido que conta con destacados actores e que supón unha cita ineludible para os afeccionados ao teatro». Asemade a xefa territorial de Cultura agradeceu ao Concello de Vilamarín «o esforzo que realiza para manter no tempo este tipo de iniciativas culturais tan importantes».