Misión USA-Ourense: 130 acordos de colaboración
- A misión USA-Ourense remata con 130 acordos de colaboración entre empresas ourensás e norteamericanas
- Manuel Baltar asegurou que «a única lectura é que isto ten que consolidarse e repetirse, sendo este o comezo das relacións comerciais entre Ourense e Estados Unidos»
- O presidente da Fundación Advanced Leadership remarcou o «éxito» desta misión, e adiantou que comeza «un proceso de seguimento para conseguir que estes acordos se materialicen en actividade económica»
- A congresista norteamericana destacou a importancia de «establecer un camiño de relacións entre Ourense e Estados Unidos para que a nosa xente se coñeza, e a área máis fácil para acadar ese entendemento é o comercio»
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a congresista norteamericana, Loretta Sánchez; e o presidente da Fundación Advanced Leadership, Juan Verde, fixeron esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, balance da primeira misión comercial USA-Ourense que remata con 130 acordos firmados entre empresas ourensás e norteamericanas, un «éxito indiscutible por ser capaces de atraer o interese de vinte empresas USA, que concentran entre todas, un volume de negocio que supera os seis millóns de dólares e que dan emprego directo a máis de 45.000 persoas», afirmou Manuel Baltar.
Esta primeira misión comercial USA-Ourense, que se desenvolveu durante dous días na provincia de Ourense e que está certificada polo Goberno dos Estados Unidos, permitiu que as empresas USA «coñecesen de primeira man os plans de negocio de empresas ourensás que xa triunfan no ámbito internacional, pero que desexan explorar o seu éxito na economía norteamericana, polo tanto, só hai un modo de calificar esta iniciativa «absolutamente positiva», expresou o presidente da Deputación de Ourense quen adiantou que «a lectura única é que isto ten que consolidarse e repetirse, sendo este o comezo das relacións comerciais entre Ourense e Estados Unidos».
O presidente do goberno provincial asegurou que «obtivo positivas reaccións tanto do empresariado norteamericano que coñeceu a provincia e as ideas de empresa que hai en Ourense, como do empresariado ourensá, pois isto naceu ao amparo e baixo a cobertura da Cámara de Comercio e da Confederación de Empresarios de Ourense».
En canto aos números da misión, «foron 180 as reunións de traballo que tiveron lugar na tarde do primeiro día da misión e que foron previamente planificadas e, o resultado delas son os 130 acordos de colaboración entre empresas norteamericanas e empresas ourensás», dixo Manuel Baltar. Estes acordos significan «unha vinculación a futuro e tamén, en moitos destes casos, acordos reais de negocio con cifras que superan os millóns de euros, en sectores tan potentes para a provincia de Ourense, como poden ser o agroalimentario, o da pizarra, ou mesmo explorar posibilidades no ámbito do termalismo», engadiu o presidente da Deputación.
Este fito histórico marca «un antes e un despois non só na economía senón tamén, no posicionamento da «marca Ourense» porque fomos capaces neste tempo, de poñer en valor o que é Ourense, o futura e positiva que é esta provincia», sinalou Baltar quen agradeceu a Loretta Sánchez «a súa forza e cobertura institucional, amparando este tipo de relacións que só poden traer algo bo», e a Juan Verde por «ser capaz de converter en realidade unha iniciativa soñada e a súa vinculación e compromiso, fácil de entender se estamos ante un persoa namorada de Ourense, coma min, e como creo que a comezado a namorarse Loretta Sánchez».
Juan Verde reiterou o éxito desta misión comercial que logrou «crear un espazo e unha oportunidade para conseguir unha maior interacción entre as empresas da provincia e as empresas norteamericanas que veñen de diferentes lugares de Estados Unidos, (Boston, California, Atlanta, Chicago, Miami, entre outros) e que son líderes moitas delas nas súas categorías».
Asemade, o presidente da Fundación Advanced Leadership recoñeceu «a valentía e a vontade do sector empresarial ourensá; da Cámara de Comercio, da Confederación de Empresarios, e das empresas que quixeron participar nesta misión comercial liderada pola Deputación de Ourense, e particularmente, polo presidente Baltar».
«Comeza un proceso de seguimento para conseguir que estes acordos entre as empresas se materialicen en actividade económica, xeración de emprego e beneficios tanxibles para esta provincia», dixo Juan Verde quen adiantou que «xa hai unha serie de acordos entre asociacións e cámara de comercio que se están a desenvolver».
A congresista norteamericana destacou a importancia «de establecer un camiño de relacións entre Ourense e Estados Unidos para que a nosa xente se coñeza, e a área máis fácil para ter ese entendemento e coñecemento, é o comercio». Loretta Sánchez dixo que «Ourense ten moito que ofrecer aos americanos, por exemplo, na tecnoloxía», pois asegurou que xente de California «ten interese en vir a Ourense e facer campo en Estados Unidos dos seus produtos», e rematou sinalando que «hai moitas cousas que se poden facer e, este é o primeiro paso, e sempre se comeza cun primeiro paso».