Paloma Domínguez iniciou a súa actividade ao fronte do Departamento de Persoal da Deputación
- Paloma Domínguez Ferro asinou o contrato como directora xeral de Recursos Humanos da Deputación de Ourense
- Iniciou onte a súa actividade ao fronte do Departamento de Persoal do ente provincial trala reunión mantida con Manuel Baltar e co deputado delegado de Administración Provincial, Jorge Pumar
Paloma Domínguez Ferro asinou onte o contrato como directora xeral de Recursos Humanos da Deputación de Ourense e iniciou a súa actividade ao fronte do Departamento de Persoal do ente provincial trala reunión mantida con Manuel Baltar e co deputado delegado de Administración Provincial, Jorge Pumar. Na xuntanza analizaron as funcións que vai desenvolver Paloma Domínguez ao fronte do departamento de Persoal da Deputación de Ourense, entre as que figuran o estudo e planificación de propostas en materia de persoal; a dirección e impulso na elaboración dos instrumentos de ordenación, planificación e selección dos recursos humanos e postos de traballo; os programas de avaliación do desempeño; a xestión da negociación colectiva; o apoio e asesoramento á Presidencia no deseño das políticas de recursos humanos, e a xefatura directa do persoal. Tamén serán da súa competencia a inspección dos servizos provinciais, e a coordinación, supervisión e seguimento da xestión de persoal realizada polas diferentes direccións de área da Deputación.
Paloma Domínguez Ferro, natural de Pontevedra, é licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago na especialidade de Psicoloxía Social do Traballo. Conta cunha experiencia de vinte anos na xestión de recursos humanos en empresas galegas e multinacionais, no ámbito público e privado. Na súa formación de postgrao conta con máster en Integración Socio-Laboral e cursos de Dirección de Persoal e RRHH, Relacións Laborais e Dirección e Xestión de Pymes.
A incorporación de Paloma González forma parte do proceso de profesionalización da administración pública provincial que leva a cabo a Deputación de Ourense. Previamente tiveron lugar as incorporacións directivas do vicesecretario da institución provincial, Juan Marquina; o tesoureiro, Miguel González, e a asesora xurídica María Fe González.