Galicia sempre é solidaria, 111.250 doazóns no 2015
- A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos agradece as 111.250 doazóns do ano 2015 e convida aos cidadáns a continuar sendo solidarios converténdose en doadores
- Galicia acadou por 16º consecutivo a taxa de doazón que recomenda a Organización Mundial da Saúde
- A taxa de doazón galega sitúase en 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cinco puntos por riba da media estatal
As 111.250 doazóns de sangue rexistradas en Galicia no pasado 2015, supuxeron que a nosa Comunidade Autónoma acadase, por décimo sexto ano consecutivo, as taxas de doazón de sangue que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). Así o salientaron o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, Marisa López García, na presentación dos datos de actividade no 2015 do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), integrado a comenzos do presente ano na Axencia.
Marisa López García indicou que o volume de doazóns de sangue mantívose con respecto ao ano anterior, aínda que a taxa de doazón incrementouse lixeiramente, por mor do descenso demográfico, ata acadar as 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, tal e como recolle a táboa seguinte que reflicte a evolución da doazón de sangue nas catro provincias galegas:
PROVINCIA |
DOAZÓNS |
TAXA * |
DOAZÓNS |
TAXA DE DOAZÓN |
A CORUÑA |
50.050 |
45/1000 |
51.707 |
46/1000 |
LUGO |
9.050 |
26/1000 |
9.261 |
27/1000 |
OURENSE |
10.868 |
34/1000 |
10.473 |
33/1000 |
PONTEVEDRA |
40.787 |
43/1000 |
40.054 |
42/1000 |
GALICIA |
111.255 |
40/1000 |
111.250 |
41/1000 |
*TAXA DE DOAZÓN: número de doazóns por cada 1.000 habitantes e a ano
Factores sociodemográficos
A directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos salientou que factores sociodemográficos como o envellecemento da poboación galega nos últimos anos, o crecemento negativo e a dispersión da poboación (Galicia posúe o 55% dos núcleos poboacionais existentes en toda España), son algúns dos factores que dificultan a organización das campañas de doazón e que poden explicar a diminución das doazóns que experimentou Galicia nos últimos anos.
Non obstante, o director xeral de Asistencia Sanitaria apelou á probada solidariedade dos cidadáns galegos para superar estes obstáculos e incentivar a participación dos cidadáns, lembrando que a súa colaboración é vital para que miles de doentes reciban a transfusión dos compoñentes sanguíneos que se obteñen da doazón.
Distribución de hemoderivados
Tanto o director xeral de Asistencia Sanitaria como a directora da Axencia lembraron o excelente aproveitamento que se está a facer dos distintos compoñentes sanguíneos froito do traballo conxunto desenvolvida entre o Centro de Transfusión da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e de todos os profesionais que integran os comités de transfusión dos hospitais galegos. Salientaron a elevada distribución de compoñentes sanguíneos no pasado ano que cifraron en 105.615 unidades de hemacías, 14.902 unidades de plaquetas e 13.391 litros de plasma fresco conxelado.
A distribución de hemoderivados experimentou un crecemento do 0,7% e do 3,9% no tocante ás hemacías e ao plasma fresco conxelado, respectivamente, aínda que as unidades de plaquetas distribuídas diminuíron un 3,4%
Outros xeitos de doazón
Durante o acto de presentación do balance de actividades do Centro de Transfusión, púxose de manifesto a elevada participación dos cidadáns no programa de doazón mediante aférese, do que, no pasado ano, se rexistraron 6.203 procesos.
A doazón mediante aférese permite a obtención dos diferentes compoñentes sanguíneos por separado e nun mesmo proceso e permite mellorar a calidade transfusional e a asistencia sanitaria a doentes que padecen diferentes enfermidades como o cancro (leucemias, etc) e nos transplantes de medula ósea.
Así mesmo, salientouse a excelente evolución do programa de captación de doadores de medula ósea que se está a levar a cabo a nivel nacional e que supuxo a inscrición de 1.347 novos doadores no REDMO (Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea), polo que, actualmente, están tipados en Galicia 5.582 doadores de medula, ademais de 6.385 unidades de sangue de cordón umbilical criopreservadas.
Agradecemento
A directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, manifestou o seu recoñecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e salientou o papel dos medios de comunicación na distribución de información vencellada con este xesto solidario.
Así mesmo tivo verbas de agradecemento para todos os cidadáns que colaboraron doando sangue, ao longo do 2015, e lembrou que, ata o momento, en Galicia tan só doan 4 de cada 100 cidadáns, polo que continuarán desenvolvéndose campañas de doazón para incentivar a incrementar a participación dos galegos e galegas.
Obxectivos 2016
Marisa López García salientou como principais obxectivos para o presente ano, incrementar novamente o número de doazóns e a actual taxa de doazón de sangue, para que se manteña dentro dos parámetros recomendados pola Organización Mundial da Saúde.
Tanto o director xeral de Asistencia Sanitaria como a directora do CTG, coincidiron en agradecer a todos os galegos e galegas a súa inestimable colaboración e a súa xenerosidade como doadores, aínda que lembraron que a doazón de sangue precisa dun compromiso e colaboración constantes, polo que, no ano 2016, continuarán apelando á solidariedade dos cidadáns para manter a taxa de doazón de sangue dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde.