Repartiranse 100.000 folletos informativos sobre os produtos fitosanitarios
- Medio Rural repartirá 100.000 folletos informativos sobre os produtos fitosanitarios que se poden adquirir sen carné de manipulador-aplicador
- Tamén se editarán 4.000 carteis para distribuír nos establecementos comerciais e outros locais nos que se especificarán os tratamentos máis adecuados para tratar distintas enfermidades
A Consellería do Medio Rural repartirá nas próximas semanas ata 100.000 folletos informativos sobre os produtos fitosanitarios que os agricultores non profesionais poden utilizar sen necesidade de dispor do carné de manipulador-aplicador. Tamén se farán chegar aos establecementos comercializadores e a outros locais carteis explicativos sobre os tratamentos de uso non profesional máis axeitados para afrontar distintas enfermidades comúns. Neste caso haberá dúas variedades, 2.000 carteis sobre a vide e a pataca e outros 2.000 referidos a cultivos de horta como a cebola, o tomate, o pemento e a leituga. Estas publicacións súmanse ás 40.000 que xa se distribuíron no seu momento e que aclaran que persoas necesitan e cales non os carnés, así como as formas de conseguilo.
“Deste xeito queremos deixar claro que aquelas persoas que cultiven produtos para o seu consumo e de xeito non profesional, non precisan sacar o carné de manipulador”, explicou a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez