‘XLV Festa do Peixe’ de Bande, música, deporte e gastronomía

  • Música, gastronomía e deporte, na XLV edición da «Festa do Peixe» de Bande
José Antonio Armada, Rosendo Fernández e José Emilio Rodríguez

José Antonio Armada, Rosendo Fernández e José Emilio Rodríguez

 

A «XLV Festa do Peixe» encherá o municipio de Bande de música, deporte e gastronomía os vindeiros días 20, 21 e 22 de maio. O acto de presentación tivo lugar onte no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o alcalde de Bande, José Antonio Armada; e o representantes do «Club O Peixe», José Emilio Rodríguez.

Rosendo Fernández destacou que a Deputación de Ourense colabora con esta celebración lúdica, gastronómica e deportiva «que é unha excelente mostra das nosas tradicións, sendo a festa máis antiga de Galicia, que abre o calendario de celebracións gastronómicas na provincia de Ourense».

A programación inclúe o tradicional campionato de pesca, que terá lugar o 22 de maio, e que é o «xerme desta celebración», asegurou Jose Antonio Armada. Este ano vai vencellado á solidariedade, xa que «para facer a inscrición, débese entregar un quilo de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos», destacou José Emilio Rodríguez, quen engadiu que se trata do campionato de pesca «dos máis antigos de Galicia e dos poucos que hai de peixes, que é algo noso de Ourense». A competición realizarase no río Limia con máis cincuenta pescadores procedentes de Galicia e do Norte de Portugal».

O alcalde de Bande destacou tamén do programa o aspecto gastronómico e lúdico desta celebración declarada «Festa de Interese Turístico de Galicia», na que, tendo como escenario a Praza da Constitución, haberá degustacións de produtos tradicionais e actuacións musicais a cargo da Banda de Gaitas e Pandereteiras de Bande, e as charangas Os Bandiños e BB+, que participarán o venres na inauguración do evento.

O sábado, 21 de maio, celebrarase ao longo de todo o día un concurso de caza, e tamén unha gimkana fotográfica en familia, ademais dun mercado de artesanía con preto de 40 postos. Asemade, unha exhibición de patinaxe por parte de nenos de Bande e unha demostración de salto con patíns, a cargo de Freestyle Slalom Vigo, poñerá a nota deportiva da festa «pois a patinaxe é unha modalidade que está a ter moita aceptación no noso municipio», afirmou José Antonio Armada. Tamén, no denominado «Charagódromo» de Bande actuarán as charangas Compostela, Mekánica, e haberá unha sesión DJ a cargo de «Montamos la fiesta». Para os máis cativos, programouse o espectáculo «Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica».

O domingo, 22 de maio, ademais do campionato de pesca, actuará a Charanga de Bande, o grupo Castrexos, e haberá un concerto de acordeóns a cargo da asociación cultural «Os Gandeiros da Baixa Limia», así como, unha exhibición de Zumba. Ao remate da xornada, terá lugar a degustación dos peixes capturados ao longo do día, xunto con empanadas e pan artesanal do forno de Vilar de Bande, «todo elo co obxectivo de buscar os sabores de antes e manter vivas as nosas tradicións», explicou José Antonio Armada, que apuntou que o ano pasado máis 1.500 persoas se achegaron a Bande para gozar desta celebración.

También te podría gustar...