‘En familia, por dereito’, exposición de Cruz Vermella sobre acollemento familiar no CHUO
- Exposición de Cruz Vermella sobre acollemento familiar no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
- Foi inaugurada hoxe pola xerente do Sergas en Ourense, Eloína Núñez, e o presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro
Eloína Núñez, xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella, inauguraron hoxe a exposición En familia, por dereito instalada na entrada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (no edificio Cristal) e visitaron la mesa informativa dos voluntarios desta institución que informará sobre o acollemento familiar.
O acollemento familiar é unha forma de coidado alternativo e solidario para os nenos que temporalmente non poden vivir coa súa familia biolóxica, posibilitando unha vida familiar natural na que crecer, aprender e recibir o cariño que necesitan.
En Ourense, Cruz Vermella xestiona o proxecto de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia desde 1996. Ao longo destes anos, e ata o pasado 30 de abril, 290 menores viviron cunha familia de acollida, 25 deles durante 2015.
Coa campaña En familia, por dereito Cruz Vermella quere sensibilizar sobre esta medida de protección á infancia e seu dereito a vivir en familia. Por diversas problemáticas dos seus pais, moitos nenos precisan un fogar temporal no que recibir cariño e educación, crecendo nun ambiente familiar normalizado. Neste intre Ourense conta con 37 familias acolledoras e é preciso ampliar a rede para poder dar resposta a novos casos de acollemento permanente ou de longa duración, así como de grupos de irmáns.