A cultura galega foi protagonista da Feira do Libro de Buenos Aires, que foi visitada por máis dun millón de persoas

  • Máis dun millón de persoas visitaron a Feira do Libro de Bos Aires, nunha edición na que a cultura galega foi protagonista
  • Máis de 150 actividades protagonizaron a axenda cultural de Santiago de Compostela cidade convidada, cunha participación nos actos de máis de 5.400 asistentes
  • O stand de Galicia foi galardoado co Premio Especial Stand por un xurado formado por varias institucións culturais arxentinas convocadas pola Fundación El Libro
  • As autoras e autores da delegación galega contaron cunha ampla difusión nos principais medios de comunicación arxentinos
  • A feira favoreceu tamén novas vías de negocio para os editores galegos, que comercializaron na feira a súa produción
  • O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, cualificou como “histórico” este evento único para o libro e a cultura galega
Stand Galicia

Stand Galicia

 

A Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016 clausúrase o pasado 9 de maio, despois de 19 días de intensa actividade, cun balance moi positivo para a proxección da cultura galega, que gozou da distinción de convidada de honra nesta cuadraxésimo segunda edición.

Durante case tres semanas, un total de 5.440 persoas participaron nos máis de 150 actos da programación promovida pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Santiago. Por primeira vez, a programación da cidade convidada desenvolveu actividades fóra do recinto feiral, nunha extensión da centralidade da cultura convidada ao conxunto da capital porteña. Diferentes centros culturais bonaerenses, así como os espazos da colectividade galega, acolleron parte da programación galega, cun rexistro de asistentes que superou todas as expectativas.

Unha oportunidade histórica
A participación de Galicia nesta edición da feira constituíu unha “oportunidade histórica e irrenunciable para a proxección exterior do libro e da cultura galega”, en palabras do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, na súa visita á capital arxentina á que acudiu para apoiar a representación de autores e editores que participaron no evento co fin de dar a coñecer a creatividade e a calidade literaria galega actual.

Valoración positiva dos editores galegos
As editoriais galegas presentes na feira valoraron moi positivamente as oportunidades derivadas desta centralidade de Galicia no que é un dos máis importantes eventos editoriais en América Latina. Ademais da materialización de reunións comerciais con editores e distribuidores americanos cos que pecharon acordos durante as xornadas profesionais, como Hércules ediciones ou Nova Galicia, as editoras galegas exploraron novas vías de negocio, coma no caso de Alvarellos, que produciu a súa primeira tiraxe en Arxentina do libro V do Códice Calixtino, ou Galaxia, que presentou durante a celebración da feira o seu novo selo Mar Maior para a difusión da literatura galega en Hispanoamérica.

Ademais das editoras con presenza comercial, unha vintena de editoriais venderon, por primeira vez no contexto do stand institucional da Xunta de Galicia, a súa produción editorial máis recente.

Cálida acollida dos autores e autoras galegos
Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Fina Casalderrey, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Elena Gallego, María Meijide, Clara Gayo, Antón Lopo, Benigno Campos, Marcelino Agís, Teresa Moure, José Edelstein e Jorge Mira recibiron a cálida acollida dos lectores e dos visitantes da feira, así como tamén dos medios de comunicación arxentinos, que realizaron unha ampla cobertura das actividades de Galicia.

Premio especial ao stand de Galicia
O amplo e funcional stand de Galicia na FIL foi galardoado co Premio Especial Stand por un xurado integrado por diversas institucións culturais arxentinas convocadas pola Fundación El Libro. Coordinado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Santiago e coa Asociación Galega de Editores (AGE), e no que tamén estivo representado o Instituto Argentino de Cultura Gallega, o stand permitiu dispoñer dunha zona de vendas xestionada pola Asociación Galega de Editores, outra de información institucional e un amplo e recollido espazo para a realización das actividades, que rexistrou un cheo de público en practicamente a totalidade dos eventos programados con autores, editores e libreiros, que tamén estiveron presentes nesta edición para abordar contactos cos seus homólogos arxentinos e obter información de experiencias comerciais diversas.

Diversidade de formatos e múltiples escenarios
Presentacións de libros, recitais poéticos, coloquios arredor de temáticas como a novela negra en Galicia, a literatura infantil e xuvenil e a poesía escrita por mulleres; diálogos con alumnado, encontros con lectores nas bibliotecas municipais e conferencias sobre ciencia, sobre o audiovisual galego e sobre a participación galega na fundación da feira do libro, foron algunhas das propostas da programación galega protagonista na feira. A programación galega tamén ofreceu proxeccións de cine galego e varias exposicións sobre os autores históricos, como Valle-Inclán, Blanco Amor e Camilo José Cela.

A programación foi concibida desde o diálogo entre as dúas beiras do Atlántico, polo que logrou establecer novos contactos con escritores, xornalistas e científicos arxentinos, así como entre as institucións culturais de referencia no país, como a Academia Argentina de Letras, o Ministerio de Cultura de la Nación Argentina, a Sociedad Argentina de Escritores, o Centro PEN Argentina, o Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales (INCAA), a Sociedad de Escritores y Escritoras de la Argentina, o Instituto Argentino de Cultura Gallega, o Centro Galicia e o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol, entre outras.

Traspaso da cidade convidada a Los Ángeles
Santiago de Compostela é a cuarta cidade en recibir a distinción de cidade convidada na Feria Internacional do Libro de Buenos Aires, na que a literatura e a lingua galegas estiveron presentes desde o inicio. O próximo ano, Los Angeles recolle o testemuño da capital de Galicia, na que será a cuadraxésimo terceira edición do evento.

Unha das numerosas actividades programadas

Unha das numerosas actividades programadas

 

También te podría gustar...