Preto de 1,8 millóns de parásitos de Anaphaes Nitens para loitar contra o gorgullo do eucalipto
- Medio Rural solta arredor de 1,8 millóns de parásitos de Anaphaes Nitens para loitar contra o gorgullo do eucalipto
- Está previsto colocar ao longo destes meses unha cantidade de 9.000 bolsas, que se corresponden con 450.000 ootecas parasitadas
- Deste xeito, séguese a incrementar a presión contra esta praga para diminuír a súa presenza
A Consellería do Medio Rural xa comezou á solta de individuos de Anaphes nitens para a loita contra o gorgullo do eucalipto (Gonipterus platensis). Nesta primavera, estanse colocar 9.000 bolsas que se corresponden con 450.000 ootecas parasitadas (depósitos de ovos). Isto supón a solta duns 1,8 millóns de individuos nos 1.238 puntos de colocación previamente establecidos. Así mesmo, iniciouse tamén a colaboración con diversas asociacións de propietarios e con Ence, que ten previsto colocar outras 340.000 ootecas parasitadas máis durante este período do ano. A día de hoxe, a Consellería xa ten instaladas máis de 5.000 bolsas e o resto está previsto colocalas ao longo do mes de maio ata chegar ás 9.000.
Estas achegas na loita biolóxica séguense incrementando ano tras ano, o que supón aumentar a eficacia do tratamento contra a praga do gorgullo, diminuíndo a presenza do defoliador porque se garante unha poboación constante de Anaphes nitens nos montes galegos. De feito, na campaña de 2015 instaláronse un total de 6.680 bolsas, que se corresponden con 334.000 ootecas parasitadas. Isto supuxo a solta de aproximadamente 1.336.000 individuos de Anaphes nitens.
Puntos de información
Para obter unha información directa e continua sobre a situación do defoliador e o seu parasitoide, distribúense por toda a Comunidade 174 parcelas de mostraxe: na Coruña 89, en Lugo 38, en Ourense 8 e en Pontevedra 39. En cada parcela selecciónanse 10 árbores e tómanse entre 5-10 mostras elementais por parcela e visita. Tras recompilar toda a información precisa, as mostras achéganse ao laboratorio da Estación Fitopatolóxica de Areeiro onde se determinan os valores de % e grao de parasitismo.
Dende o ano 1998, a Xunta vén aplicando o control biolóxico da praga, mediante a solta masiva de ootecas parasitadas de Anaphes nitens Hubber. Este tratamento ten como obxectivo final chegar a establecer un equilibrio entre as poboacións deGonipterus platensis e as de Anaphes nitens, reducindo a súa poboación por debaixo do limiar da praga.