Baltar representará á FEMP no cumio mundial de líderes locais e rexionais

  • Manuel Baltar, elixido membro da Subcomisión de Deputacións da FEMP
  • Este ente analiza os temas que afectan aos gobernos locais intermedios de España referidos a cooperación coas administracións e xestión dos servizos que ofrecen concellos, deputacións e cabildos insulares
  • O presidente da Deputación de Ourense representará á FEMP no cumio mundial de líderes locais e rexionais, no que se analizarán as políticas internacionais aplicadas a municipios e provincias nos ámbitos social, económico, cultural e de innovación
Manuel Baltar, na reunión onte da Xunta de Goberno da FEMP

Manuel Baltar, na reunión onte da Xunta de Goberno da FEMP

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ven de ser elixido membro da Subcomisión de Deputacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), un ente que se encarga de analizar os temas que afectan aos gobernos locais intermedios de España no que atinxe á cooperación coas administracións e á xestión dos servizos que ofrecen tanto concellos como deputacións e cabildos insulares. Na dita subcomisión figuran como representantes membros de 14 dos 45 gobernos provinciais do Estado, e xunto á Deputación de Ourense integran este órgano as de Jaén, Salamanca, Pontevedra, Toledo, Huesca, Cáceres, Guadalajara, Palencia, Zamora, Castellón e os gobernos insulares de La Palma, Ibiza e Lanzarote.

Así se acordou onte na reunión celebrada en Madrid pola Xunta de Goberno da FEMP, na cal tamén se aprobou o nomeamento do presidente da Deputación de Ourense como representante institucional da FEMP no «Cumio Mundial de Líderes Locais e Rexionais», que terá lugar en Bogotá no mes outubro en no que se analizarán as políticas internacionais aplicadas a municipios e provincias nos ámbitos social, económico, cultural e de innovación. Este cumio, organizado por Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU), constitúe o maior encontro mundial de dirixentes de gobernos municipais e provinciais, e celébrase conxuntamente coa Conferencia «Hábitat III». Nel debaterase sobre políticas e estratexias medioambientais, económicas, culturais e de innovación, e servirá para fortalecer o traballo en rede a prol do movemento municipalista internacional e propoñer iniciativas de boa gobernanza, transparencia, políticas económicas e de financiamento e a sostibilidade nos gobernos locais intermedios.

Na reunión da Xunta de Goberno da FEMP analizouse tamén a Central de Contratación da federación á que están adheridas 541 entidades locais, que representan a máis de 16 millóns de habitantes. Neste apartado analizáronse estratexias nos ámbitos contratación de subministro eléctrico e de gas natural, xestión tributaria, seguros, tramitación electrónica, eficiencia enerxética, subministro de luminarias e renting de vehículos. A Xunta de Goberno tamén abordou temas referidos a redes territoriais, modernización administrativa e facendas e financiamento local.

También te podría gustar...