Aprobado o informe do Plan Anual para o ano 2016
- O Consello Asesor de Publicacións da Deputación aproba o informe do Plan Anual para o ano 2016
O Consello Asesor de Publicacións da Deputación de Ourense aprobou esta tarde na reunión celebrada no Pazo Provincial o Plan Anual de Publicacións da Deputación de Ourense para o exercicio 2016. A reunión presidida polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández contou coa participación dos membros do Consello Asesor de Publicacións: Afonso Vázquez-Monxardín, Jesús de Juana, Antonio Piñeiro, e Eva Torres; o secretario do Consello, o secretario da Deputación, Francisco Cacharro; a xefa da Sección de Publicacións, Ana Malingre, e o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval.
Este Plan 2016 contempla os criterios xerais para a selección e edición de obras ao longo do exercicio, así como, os criterios para a realización de obras en réxime de coedición, a previsión de edicións ou liñas de publicacións concretas, as convocatorias de selección ou encargo de obras previstas, e o custo estimado das accións previstas. En canto á dispoñibilidade orzamentaria para edicións e publicacións, ascende aos 183.000 euros.
En canto á edición de obras de autores ourensáns de recoñecido prestixio, ou que teñan a consideración de clásicos da cultura galega, en particular edicións de carácter conmemorativo, facsímiles ou edicións críticas o plan contempla o I tomo da futura publicación Obra epistolar de Eduardo Blanco Amor, que comprende as cartas entre Eduardo Blanco Amor e uns 300 remitentes ao longo de case medio século, incluíndo a personalidades da cultura e outros ámbitos en Galicia, España e Hispanoamérica. Asemade, prevese a edición da obra Carrabouxo XXI.
Tamén se inclúe unha publicación con fotografías de Eduardo Blanco Amor; e unha obra sobre o escultor Acisclo Manzano, dentro da colección Artistas Ourensáns desta Deputación, que constituiría o volume VI desta colección.
En canto a obras que recollan a actividade propias dos servizos provinciais recóllense as seguintes propostas: a edición en CD do Himno da provincia de Ourense, Ourense no solpor, obra de Manuel de Dios; e traballos preparatorios, maqueta e tradución dos textos que conformarán unha edición que serva como presentación da provincia, con especial atención ao termalismo, que levará por título Ourense, provincia termal. Por parte da Escola de Gaitas, a publicación periódica do Anuario da Gaita nº 30 (2015); e do Centro de Estudos Xaquín Lorenzo; a publicación periódica de Raigame nº 39 e Xornal Raigame nº 12.
No relativo á edición de obras premiadas pola Deputación, se prevé a edición da obra gañadora do XIII premio Pura e Dora Vázquez 2015.
As obras seleccionadas mediante concorrencia competitiva, o Plan recolle para a súa selección, atender a criterios de calidade das obras ofertadas e ao seu interese para os fins de divulgación da realidade ourensá e de fomento da cultura propios do Servizo de Publicacións. Pola súa banda, os criterios para realizar obras en réxime de coedición, ademais de os anteriormente citados (calidade e interese), terase en conta tamén a porcentaxe de cofinanciamento ofertada polo potencial coeditor.
Ao igual que no ano anterior, exclúense de ser obxecto de publicacións as teses doutorais, pero admítese a publicación de versións abreviadas das teses, adaptadas para a súa lectura polo público en xeral. Tamén se exclúen do Plan 2016, a publicación de actas de congresos, simposios, seminarios, xornadas ou similares.
Por outra parte, na reunión tamén se aprobou o informe sobre proposta das bases reguladoras do concurso para selección de obras para a súa edición ou coedición pola Deputación de Ourense ao exercicio 2016. Nas bases contémplanse dúas modalidades: edición exclusivamente a cargo da Deputación ou coedición entre o ente provincial e entidades sen ánimo de lucro.
Poderán presentarse obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, realizadas en calquera formato ou soporte, que correspondan a calquera das seguintes liñas de publicación: compilacións, escolas ou antoloxías de artigos publicados en xornais locais de Ourense ou en edicións locais de xornais de ámbito máis amplo, ou gravacións ou transcricións escritas de programas radiofónicos locais; obras que teñan por obxecto estudar ou divulgar o patrimonio cultural ou natural de Ourense; estudos históricos, literarios, científicos ou xurídicos relacionados coa provincia de Ourense; ou obras de autores ourensáns de temática libre.
Asemade as obras han de ser exclusivamente orixinais e ser obras concluídas na data de remate do prazo de presentación e solicitudes.