O tráfico nas estradas autonómicas rexistra valores positivos por primeira vez desde 2010

  • O tráfico nas estradas autonómicas aumentou o pasado ano un 1,3%, rexistrando valores positivos por primeira vez desde 2010
  • Así se recolle na Memoria anual que elabora a Axencia Galega de Infraestruturas 
  • O incremento rexistrado en 2015 representa ademais, o maior dos contabilizados desde o ano 2007
  • A reactivación económica e a extensión da rede de vías de altas prestacións están detrás deste incremento
  • No ano 2015 os vehículos percorreron máis de 6.000 quilíometros de rede autonómica de estradas, e a intensidade media de tráfico estivo a piques de acadar os 3.000 vehículos ao día
  • Nas vías de Alta Capacidade este incremento chegou en 2015 a case o 6 % con respecto ao ano anterior

 

main_image_107255_4fe02a485efd7O tráfico nas estradas de titularidade autonómica aumentou o pasado ano nun 1,3%, rexistrando valores positivos por primeira vez desde o ano 2010, en que empezou un descenso continuado. Así se desprende dos datos recollidos na Memoria anual que elabora a Axencia Galega de Infraestruturas.

Estes datos foron recollidos na rede de estacións de aforos en estradas da Xunta de Galicia, que durante o ano 2015 contou con un total de 365 estacións, das que 232 foron fixas ou de detección magnética e 133 móbiles ou de detección pneumática.

O incremento rexistrado en 2015 representa ademais, o maior dos contabilizados desde o ano 2007, cando o tráfico medrou un 2,7% con respecto ao 2006. O incremento de tráfico rexistrado o apsado ano coincide cos indicadores de reactivación económica, que motivou unha intensificación da mobilidade que, xunto coa extensión da rede autonómica de vías de altas prestacións, explican a evolución positiva.

A ampliación da rede autonómica de quilómetros de altas prestacións vén sendo unha constante nos últimos anos, a través da aposta do Goberno galego pola vertebración do territorio e o reforzo da seguridade viaria. Proba dese esforzo é o feito de que entre 2011 e 2015 a lonxitude deste tipo de vías aumentou de 379,22 quilómetros a 459,36 quilómetros, o que representa un incremento do 21,1%.

En sentido contrario variou a lonxitude das estradas máis secundarias da rede, debido aos cambios de titularidade acordados entre Xunta de Galicia e concellos que permitiron transmitir a estes últimos treitos urbanos de estradas, que polas súas características son mellor xestionados polas entidades locais, nun procedemento que se simplificou e axilizou coa entrada en vigor da nova Lei de Estradas de Galicia no ano 2013

En total, no 2015, a rede autonómica de estradas superou os 6.000 quilómetros e a intensidade media de tráfico estivo próxima a acadar os 3.000 vehículos ao día. Destaca especialmente o aumento da circulación que se produciu nas vías de altas capacidades, onde a intensidade media de vehículos (IMD) rexistrada foi case un 6% máis que no ano anterior.

Un exemplo da importancia crecente das vías de alta capacidade na estrutura da rede autonómica de estradas está en que, neste momento, as Vías de Alta Capacidade representan o 8,33% da lonxitude total da rede, soportando non obstante, o 21,3% dos Veh-Km do total da rede.

Nas táboas adxuntas podemos ver a evolución da extensión da rede autonómica de estradas e do tráfico nas mesmas, así como os datos das vías de alta capacidade nos que se produciu o pasado ano un maior aumento de tráfico.

También te podría gustar...