Presentada a campaña de verán “máis ambiciosa e inclusiva” con máis de 9.000 prazas
- Rey Varela presentou a campaña de verán “máis ambiciosa e inclusiva” dos últimos anos que porá a disposición dos mozos galegos máis de 9.000 prazas
- O conselleiro de Política Social, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, presentou en San Lázaro a Campaña de verán 2016
- A través desta iniciativa, a Xunta beneficiará á xuventude “a través da súa participación en múltiples actividades cun compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre, á vez que se facilita a conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas durante a época estival”
- A campaña de 2016 supón un incremento do 6% en prazas e do 9% en orzamento respecto ao ano 2015 cando se puxeron a disposición dos rapaces un total de 8.530 prazas cun investimento de 2.428.430 euros
- Asegurou que as medidas para a asignación das prazas garanten que “a inclusión social dos mozos e das mozas con dificultades sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre a mocidade”
- A Campaña de verán 2016 contará con 305 prazas reservadas para colectivos como os de discapacidade, menores tutelados ou fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, un 12% máis que en 2015
- Grazas ao incremento do investimento tamén “medran as prazas destinadas aos campamentos de verán, aos campos de traballo, ás actividades para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior e mantéñense as prazas para as actividades para maiores de 18 anos”
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou onte en San Lázaro a Campaña de verán 2016 coincidindo co día que se publican as ordes da convocatoria da programación. Alí asegurou que a través desta iniciativa, a Xunta beneficiará á xuventude “a través da súa participación en múltiples actividades cun compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre, á vez que se facilita a conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas durante a época estival”. O responsable da área social aseverou que a campaña deste 2016 supón “a máis ambiciosa e inclusiva” dos últimos anos” ao ofertar aos mozos e mozas de Galicia un total de 9.046 prazas cun investimento global de 2.645.420 euros, o que supón un incremento do 6% en prazas e do 9% en orzamento respecto ao ano 2015 cando se puxeron a disposición dos rapaces un total de 8.530 prazas cun investimento de 2.428.430 euros.
A Campaña de verán de 2016, como indicou o conselleiro estrutúrase en torno a cinco eixes fundamentais que son os campamentos de verán, a oferta concertada, as actividades para maiores de 18 anos, os campos de traballo, así como as actividades para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior. Na súa intervención, o conselleiro salientou a importancia da inclusión daqueles menores que se atopan nunha situación de dificultade nesta nova convocatoria. Así lembrou que os mozos e mozas con discapacidade, calquera que sexa o seu grao, “poderán presentar a súa solicitude de participación ben polo procedemento xeral, ou ben a través das prazas reservadas de inclusión, permitindo a súa participación en condicións de igualdade”.
Do mesmo xeito, o conselleiro recordou que os menores en situación de tutela ou en garda pola Administración que se atopen en acollemento residencial tamén poderán participar nesta convocatoria ao optar ás 100 prazas das que dispón a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Ademais, como novidade, aqueles que non acaden praza reservada poderán participar no sorteo xeral en igualdade de condicións cos outros mozos. En total, a Campaña de verán 2016 contará con 305 prazas reservadas para colectivos como os de discapacidade, menores tutelados ou fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, un 12% máis que en 2015 cando contaba con 272 prazas. O obxectivo destas medidas, dixo o titular de Política Social, é que “a inclusión social dos mozos e das mozas con dificultades sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre a mocidade”.
Máis prazas en todos os campamentos
Segundo informou o conselleiro na rolda de prensa que tivo lugar en San Lázaro, grazas a nova convocatoria da Campaña de verán e ao incremento do investimento tamén “medran as prazas destinadas aos campamentos de verán, aos campos de traballo, ás actividades para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior e mantéñense as prazas para as actividades para maiores de 18 anos”.
Os campamentos de verán porán á disposición dos mozos e mozas galegos de entre 9 e 17 anos numerosas actividades de carácter cultural. ambiental, deportivo ou voluntariado. En total serán 6.205 prazas o que supón un incremento do 16,75% respecto a 2015.
Os campos de traballo fomentan a convivencia, a participación e a solidariedade a través de actividades levadas a cabo en distintas comunidades autónomas e outros países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón. A oferta de prazas dos 24 campos situados en Galicia medrará un 21% ata acadar as 588 ás que cómpre sumar as 370 prazas dos campos de traballo que están fóra de Galicia (120 noutras comunidades e 250 no estranxeiro).
As actividades para mozos descendentes de galegos residentes no exterior medran nun 28% cun total de 230 prazas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’ levado a cabo coa Secretaría Xeral de Emigración e que coas actividades de ‘Cultura e Camiño’ e ‘O mar de Galicia’. Como novidade, este ano resérvanse 50 prazas máis para os descendentes de galegos noutros tres campamentos de verán.
A programación dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 aos 30 anos, manterase intacta neste 2016 ao continuar ofertando as 240 prazas que xa se puxeron á disposición dos mozos en 2015.