Formalizado o contrato para iniciar este mes as primeiras obras na Ponte Vella

  • A Xunta formaliza o contrato para iniciar este mesmo mes as primeiras obras de posta en valor da Ponte Vella de Ourense
  • Estes traballos iniciais consistirán na mellora da calzada, na que se igualará o pavimento empregando como único material o bloque de pedra, e na instalación da iluminación
  • Mudaranse as actuais luminarias e focos que proxectan luz cara aos alzados da ponte e optarase por sistemas de leds, que mellorarán a estética, realzando a monumentalidade da estrutura, acadando unha maior eficiencia enerxética
  • A Consellería de Cultura prevé adxudicar a mediados de abril a súa parte desa primeira fase da restauración, consistentes na retirada da condución de abastecemento e restauración do quebraondas
  • A primeira fase da actuación suporá en total un investimento de medio millón de euros, mentres se avanza na definición da segunda fase, centrada na contorna da ponte, especialmente arredor da Capela dos Remedios

Roman_bridge,_Ourense_(Spain)

 

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda formalizou o contrato para a execución das primeiras obras de posta en valor da Ponte Vella, en Ourense, cuxo inicio se prevé neste mesmo mes de abril. Os traballos correrán a cargo da empresa SETGA SLU, que presentou a oferta mellor valorada para executar estas actuacións iniciaris cun investimento de preto de 230.000 euros.

Estas obras iniciais afectarán, en primeiro lugar, á calzada, na que se igualará o pavimento, empregando como único material o bloque de pedra. Ademais, substituirase a capa de formigón que existe nos apartadoiros e pavimentarase o único treito en terra que existe.

No proxecto destaca sobre todo a substitución da iluminación, xa que a actual quedou obsoleta e mingua o valor estético do monumento. Para iso, mudaranse as actuais luminarias e os grandes focos que proxectan a luz cara aos alzados da ponte e optarase por sistemas de leds, que mellorarán a estética, realzando a monumentalidade da estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética, un aforro no consumo e unha menor contaminación lumínica.

Como medidas complementarias, eliminaranse graffiti pintados na ponte e nas edificacións anexas, retirarase mobiliario urbano e outros elementos engadidos á fábrica da ponte, aplicaranse tratamentos de fosilización dos troncos das árbores enraizadas na fábrica, limparase a maleza e rarearanse as árbores que medran baixo os arcos e nunha franxa próxima á ponte. Tamén se acondicionará un camiño peonil que discorre baixo un dos arcos, mellorando a comodidade e seguridade viaria dos viandantes.

Esta primeira fase do proxecto de posta en valor da ponte romana de Ourense suporá un investimento total algo máis de medio millón de euros e abrangue tamén actuacións que desenvolverá a Consellería de Cultura, que prevé adxdudicar neste mesmo mes os traballos de retirada da condución de abastecemento e restauración do quebraondas.

Actuación por fases
Mentres se poñen en marcha os traballos da primeira fase de posta en valor e restauración da Ponte Vella de Ourense, a Xunta de Galicia avanza na definición dunha segunda fase de actuación. Nesa etapa os labores centraranse na adecuación da contorna da ponte, con especial atención aos arredores da Capela dos Remedios.

O Goberno galego está a impulsar esta actuación co obxectivo de contribuír á posta en valor dun ben patrimonial considerado un emblema para a cidade de Ourense que, a pesar de non presentar danos estruturais, é susceptible de reforzar a súa importancia a través de intervencións encamiñadas ao seu bo mantemento e conservación.

También te podría gustar...