A oferta turística galega na principal feira de Rusia
- MITT, a principal feira sectorial de Rusia, acolle a oferta turística galega
- O certame Moscow International Exhibition Travel and Tourism reúne na capital rusa aos principais operadores turísticos do país
- Esta edición é a quinta na que Galicia participa consolidando os contactos iniciados cos operadores turísticos rusos en anteriores edicións e abrindo novas canles con outros empresarios de turismo rusos e outros mercados satélites
- Trátase dun mercado emerxente no que a Comunidade galega desenvolve distintas accións de promoción
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia promove a oferta turística galega xeral e o Camiño de Santiago na 23 edición do certame turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebra estes días na capital de Rusia, Moscova.
Esta feira constitúe o evento sectorial de turismo máis importante dos que teñen lugar en Rusia e está aberta tanto aos profesionais como a público xeral.
Turismo de Galicia participa este ano cun módulo de promoción dentro do espazo destinado a España e que nesta ocasión está coordinado pola Oficina de Turismo de España na capital rusa.
Esta é a quinta vez que Galicia participa nesta feira, onde se están a consolidar os contactos iniciados cos operadores turísticos rusos en anteriores edicións e se abren novas canles con outros empresarios de turismo rusos e outros mercados satélites.
Aposta por este mercado emerxente
Ao longo destas últimas cinco edicións da feira MITT, Turismo de Galicia puido comprobar un interese crecente polo destino Galicia, tanto entre o público xeral que acude á feira como entre os operadores turísticos rusos que programan viaxes a España.
Ademais da asistencia a esta feira, o departamento de Turismo da Xunta ven desenvolvendo nos últimos anos distintas accións de promoción dos recursos e os servizos turísticos galegos para este mercado emisor.
Así, Turismo de Galicia organizou unha viaxe de prospección na que participaron 13 representantes dos principais operadores turísticos rusos adheridos á Asociación de Turoperadores Rusos (ATOR) que visitaron a Comunidade galega ao obxecto de coñecer a oferta turística de Galicia e manter xuntanzas de traballo cos empresarios turísticos galegos.
Por outra parte, Turismo de Galicia tamén estivo presente en misións de comercialización turística celebradas en Moscú e outras cidades rusas, ademais de manter presenza como destino turístico en distintos catálogos de viaxe dos operadores turísticos deste país.