800.000 euros para que emprendedores compartan espazos e creación

  • Deputación de Ourense e Ministerio de Industria achegan 800.000 euros para que emprendedores compartan espazos e creación
  • Manuel Baltar e o director xeral da Fundación EOI, Fernando Bayón, asinaron un convenio para fomentar o Coworking en Ourense
  • A iniciativa, que forma parte do Plan «Transforma Ourense», permitirá desenvolver 88 proxectos a 64 emprendedores, que contarán con formación, asesoramento e eventos de Networking

0 0 MB e Bayon feb16

 

A Deputación de Ourense fomentará iniciativas de creación e emprendemento por medio do denominado «Coworking», un sistema de traballo corporativo que permite a profesionais e emprendedores compartir un mesmo espazo físico de traballo para levar a cabo seus proxectos profesionais de xeito independente e fomentar tamén a realización de proxectos conxuntos. Para elo, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, ven de asinar co director xeral da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI), pertencente ao Ministerio de Industria, Fernando Bayón, un convenio de colaboración que permitirá a 64 emprendedores ourensáns desenvolver 88 proxectos, para os que se contará con espazo físico dotado con wifi e conexión eléctrica; formación, asesoramento e organización de eventos de networking. En total, investiranse neste proxecto 800.000 euros, dos cales 640.000 € serán achegados por EOI e 160.000 €, por parte da Deputación de Ourense.

Manuel Baltar considera que esta iniciativa, que forma parte do Plan «Transforma Ourense» na súa vertente de apoio ao emprendemento, «dálle a oportunidade a emprendedores e Pemes de Ourense de desenvolver proxectos cuxa viabilidade de éxito poida se avaliada en menor tempo, identificando aqueles con maior potencial de desenvolvemento». Baltar afirma que coa aplicación da metodoloxía «Lean Startup» «foméntase o traballo entre emprendedores e acelérase o proceso para identificar a viabilidade dos proxectos e as súas posibilidades de éxito».

O acordo asinado onte entre a Deputación de Ourense e a EOI ten por obxecto realizar accións de formación e titorización no marco dos espazos de Coworking. Esta actuación baséase na creación dun espazo conxunto destinado ao establecemento de emprendedores, previamente seleccionados, que aportarán proxectos de previsible valor para a sociedade.

A finalidade do Coworking é fomentar o emprendemento e aumentar a probabilidade de éxito dos proxectos dos emprendedores nun período limitado de tempo, identificando aqueles con maior potencial de desenvolvemento.

Unha vez rematada cada edición o obxectivo é que os proxectos dos emprendedores que conten con maior probabilidade de éxito se poidan incorporar en «aceleradoras» que cubran a seguinte fase de desenvolvemento dos proxectos.

Convocatorias

O proxecto de Coworking contempla a realización de catro convocatorias cunha duración cada unha delas de 5 meses, dando cabida en cada edición a un mínimo de 16 e un máximo de 22 proxectos de emprendedores. En cada proxecto seleccionado participará un mínimo de 1 persoa e un máximo de 3, que serán os beneficiarios finais da operación.

En canto aos espazos, durante o período de vixencia de cada edición de coworking facilitarase un espazo aberto con conexión wifi e eléctrica no que os emprendedores terán a oportunidade de traballar conxuntamente. O espazo contará ademais cun servizo de coordinación para apoio aos emprendedores, e haberá espazos de formación e reunións para o proceso de titorización. Para dar a coñecer este proxecto realizarase unha convocatoria pública de cada unha das edicións. A selección levarse a cabo entre as candidaturas presentadas no formato que se determine en cada caso (vídeo de presentación, presentación dun business model canvas, etc.).

Durante o período de cada edición realizaranse 12 talleres de formación de 5 horas cada un (en total 60 horas). Os talleres abranguerán as temáticas de: «Potenciar o desenvolvemento de competencias de emprendemento e de xestión de proxectos».

En cada edición de Coworking organizaranse diferentes eventos para favorecer o networking entre os emprendedores e demais axentes do ecosistema emprendedor. Nestes sentido, realizarase un Demoday nas semanas finais, no que se presentarán os proyectos e o alcance dos mesmos tralo proceso realizado.

O Ministerio de Industria, a través da Fundación EOI, levará a cabo a dirección, coordinación e execución do Coworking, así como a selección de emprendedores beneficiarios, profesores e titores. Tamén contratará os servizos asociados ao Coworking (talleres, titorización, espazos,…), e coordinará as accións de difusión, comunicación e publicidade.

Ademais, desenvolverá unha plataforma que recollerá no ámbito nacional todos os proxectos que desde os diversos Coworking se leven a cabo, permitindo a interrelación entre os mesmos e potenciando as súas posibilidades de desenvolvemento. Finalmente, a EOI organizará sesións de presentación a potenciais investidores, no caso dos proxectos que cumpran coas condicións para poder obter financiamento externo.

Pola súa banda, a Deputación de Ourense colaborará con EOI na captación de beneficiarios e na posta a disposición da infraestrutura e do equipamento necesario para o desenvolvemento das actividades presenciais, así como na promoción e difusión dos programas.

También te podría gustar...