80 % dos concellos empregan Software Libre

  • Oito de cada dez concellos galegos empregan Software Libre
  • No último ano incrementouse en 3 puntos a porcentaxe de municipios que dispón de software libre nalgún equipo informático
  • Os concellos que empregan navegadores de internet de estándares abertos duplican aos que optan só por navegadores de software privativo
  • Case a metade dos concellos galegos, que contan cun xestor de contidos de portais e páxinas web, empregan a modalidade de software libre
  • Máis do 50% das entidades locais, que dispoñen na súa páxina web de documentos descargables, opta exclusivamente por estándares abertos
  • A Amtega vén desenvolvendo desde 2010 estratexias anuais de impulso ao uso do software libre entre a cidadanía, as empresas e as administracións en colaboración cos axentes galegos do software libre

 

AmtegaO 82,6% dos concellos dispón de software libre no seu equipamento informático, ben en ordenadores de usuario ou servidores, rexistrando un incremento de 3,1 puntos porcentuais no último ano. Concretamente, o 77,1% dos concellos galegos contan con software libre nos equipos informáticos de usuario e o 47,3% dos concellos contan con software libre nos seus servidores.
Son datos do informe sobre o Software Libre nos Concellos de Galicia, con período de referencia o último trimestre do ano 2015, que publica o OSIMGA, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Nivel de implantación do Software Libre nos concellos galegos

O informe sinala que o software libre ten maior implantación nas aplicacións libres que nos sistemas operativos dos ordenadores. Así, a porcentaxe de concellos con aplicacións libres nos ordenadores duplica á dos que dispoñen de sistemas operativos con estándares abertos.

A combinación de software libre e software privativo é a máis común en todas as aplicacións informáticas de uso xeral analizadas, agás no caso do antivirus e seguridade, no que o software privativo rexistra unha maior presenza. É salientable que no caso dos navegadores de internet, a porcentaxe de concellos que opta só por software libre (26%) é máis do dobre que a que opta só por software privativo (11%)

Case a metade dos concellos galegos, que contan cun xestor de contidos de portais e páxinas web, optan pola modalidade de software libre, concretamente o 48,1%, superando en 7,4 puntos ao software privativo.

Máis do 50% dos municipios galegos que contan na súa páxina web con documentos descargables, opta exclusivamente por estándares abertos, concretamente, o 51,7%, mentres que o 40,1% dos concellos emprega as dúas tipoloxías de estándares e un 6,2% emprega exclusivamente estándares pechados.
Barreiras e propostas de actuación

A falta de formación é a razón principal pola que os concellos non contan con software libre nas súas entidades (64,8%), seguido polo descoñecemento do software libre ou a falta de información e a falta de persoal ou de cualificación, estas dúas causas acadan o 56,4% e o 56,2%, respectivamente.

Non obstante, o 80% dos concellos galegos consideran que o software libre aumentará ou manterase nos próximos dous anos.

A principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia (83,8% dos concellos), seguido polo asesoramento ao caso concreto do concello cun 75,9%.

Plans anuais de impulso ao software libre

Este informe enmárcase na Axenda Dixital de Galicia 2020, que sinala, entre os seus obxectivos, a aposta estratéxica polo fomento do uso do software libre e de fontes abertas na Administración. Así, dende o 2010 a Amtega ven desenvolvendo estratexias anuais de impulso ao uso do software libre nas empresas, na administración e entre a cidadanía, nas que colaboran os axentes galegos tanto en accións de fomento e difusión como de formación.

Entre outras actuacións, nos últimos anos comezou a implantarse o Plan de migración do posto de traballo a Software Libre, e continuouse coa formación en materia de software libre ao empregado público (EGAP) e coas as actividades de asesoramento e difusión sobre ferramentas libres aos diferentes departamentos da Xunta. Así mesmo, mantívose o impulso á liberación de proxectos da Xunta no Repositorio de Software Libre.
Pode consultarse o informe completo elaborado polo OSIMGA na sección de documentos de: http://www.osimga.org

También te podría gustar...