8.700 escolares participan na campaña de concienciación medioambiental que promove a Deputación de Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou onte na campaña de concienciación medioambiental entre escolares, que promove a institución provincial para concienciar aos máis novos da importancia de protexer o medio natural da provincia de Ourense. En total son máis de 8.700 alumnos e profesores de educación Primaria de 77 centros públicos de ensino da provincia os que participan nesta iniciativa, que conmemora os días mundiais da Árbore e da Auga.
Manuel Baltar afirma que esta iniciativa ten como obxectivo “seguir promovendo accións sostibles e de goberno verde e ambiental que caracterizan á Deputación de Ourense, para que a preservación do noso medio natural sexa unha máxima que practiquemos os ourensáns de todas as idades”. Baltar lembrou as iniciativas que neste senso promove a institución provincial entre as que destacou o Observatorio da Sostibilidade ou a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente.
No marco desta campaña, o presidente do goberno provincial visitou esta mañá o colexio “Antón Faílde” de Cambeo (Coles), no que se desenvolveron actividades de divulgación e concienciación medioambiental destinada ao alumnado de educación primaria. A Deputación de Ourense editou un libro-manual, cunha historia de ficción adaptada aos cursos de primaria: A palabra máxica. Nela relaciónanse os ciclos da auga e das árbores, facendo fincapé na mitoloxía, na riqueza forestal e nas augas termais da nosa provincia. Así mesmo, editouse unha guía do profesorado con pautas para utilizar os libros e realizar actividades nas aulas ao longo da semana lectiva do 23 ao 27, e un cartel anunciador deste evento.
Hoxe, ás 12.00 horas, todos os centros participantes procederon á plantación dun acivro, que lles foi remitido a cada centro por parte da Deputación de Ourense.