50.000 euros para completar o sistema de abastecemento público en Freixido, concello de Larouco
- Medio Ambiente construirá un depósito de auga en Freixido, no concello de Larouco
- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou onte un convenio de colaboración neste sentido co alcalde da localidade, Joaquín Prieto
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Larouco, Joaquín Prieto, asinaron un convenio de colaboración para a construción dun depósito de auga en Freixido.
En concreto, Augas de Galicia disporá dun orzamento de 50.000 euros para completar o sistema de abastecemento público nesta parroquia, de tal xeito que os veciños dispoñan de auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer a súa demanda de auga potable.
A conselleira de Medio Ambiente destacou que este convenio é un mostra da importancia que ten para o Goberno galego que todos os concellos dispoñan das infraestruturas necesarias para dar o mellor dos servizos aos veciños; ao mesmo tempo que representa un exemplo de colaboración entre distintas administracións.
Por último, indicou que coa rúbrica do convenio de colaboración, Augas de Galicia poderá licitar as obras ao longo destas semanas.