23 casas de turismo rural da provincia de Ourense participan no Outono Gastronómico promovido por Turismo de Galicia
O delegado territorial da Xunta na provincia, Rogelio Martínez, presentou hoxe en Ourense a 8ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. Martínez destacou a aposta que realiza Turismo de Galicia “por dinamizar o turismo no eido rural e a promoción da nosa gastronomía” a través desta iniciativa que agrupa 23 casas de turismo rural da nosa provincia, das 106 de toda a comunidade. Na rolda de prensa, Rogelio Martínez estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería de Presidencia, Marisol Díaz, e do xefe da área provincial de Turismo, Antonio Aguarón.
O delegado territorial explicou que o programa, que comezou a fin de semana pasada, ten por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promocionar a gastronomía galega, desenvolver a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais da comunidade. A iniciativa estará vixente durante todas as fins de semana ata o 14 de decembro.
Segundo explicou Rogelio Martínez, “o turismo rural galego é líder do Estado en Certificacións Q de Calidade Turística, o que amosa o compromiso deste sector coa calidade e o bo facer”. O representante do Executivo galego na provincia considerou que, a través do Outono Gastronómico achégase aos interesados unha opción que facilita “un xeito de coñecer a esencia da nosa comunidade a través da súa comida e do entorno rural”.
Martínez resaltou que o turismo rural na provincia segue a medrar. Nos primeiros seis meses do ano contabilizáronse 12.603 viaxeiros que escolleron algún concello ourensán como destino de turismo rural, que apunta un incremento do 11,2% con respecto a 2013, e os establecementos rurais contabilizaron, nese mesmo período, 23.712 pernoitas, o que supón un 27% máis ca o ano anterior.
Na provincia de Ourense, os establecementos que se incluíron nos Outonos Gastronómicos son:Casa Grande de Cristosende (A Teixieira); Casa das Augas Santas, Casa Rural Vilaboa e Pousada Torre Lombarda (Allariz); Vila Centellas (Coles); Casa Grande do Ribeiro (Cenlle); Rectoral de Ansemil (Celanova); Casa da Feira Vella (Entrimo); Casa Baralló e Casa da Feira (Lobios); O Retiro do Conde (Monterrei); A Cortiña (Castrelo do Val); Rectoral de Chandrexa (Parada do Sil); Prádio (A Peroxa); Pazo de San Lorenzo de Trives e A Casa das Cestas (A Pobra de Trives); Casa Mariña (Bande); Casa Ramirás (Ramirás); Casa Sabariz e Rectoral de Candás (Rairiz de Veiga); Casal de Armán (Ribadavia); Pacio do Sil (A Rúa); e Eido das Estrelas (A Veiga)
Novidade “Este ano cociña connosco”
Ao mesmo tempo, o máximo representante do Goberno galego en Ourense resaltou que este ano, o Outono Gastronómico ofrece por primeira vez a posibilidade de entrar nas cociñas dalgunhas das casas de turismo rural adheridas para descubrir os segredos da súa receita estrela e colaborar activamente na súa elaboración. Ademais, como agasallo, os participantes recibirán un receitario cos pratos presentados por cada un dos establecementos participantes. Estes obradoiros de cociña, totalmente gratuítos, constitúen unha oportunidade única para os amantes da cociña ou para aqueles que queren aprender ou descubrir novas experiencias.
As 106 casas de turismo rural de Galicia participantes neste programa ofrecen as seguintes posibilidades:
-Un Menú Outono Gastronómico. Pode escollerse entre dúas opcións en cada casa e cada unha delas consta de entrante, primeiro prato, segundo prato e sobremesa, café ou infusión, viños con Denominación de Orixe galega e outras bebidas. O prezo é de 30 euros por persoa.
-Un Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pasar a noite na casa de Turismo Rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.
-A terceira posibilidade consiste nunha Fin de Semana de Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres e sábado- por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual. Se os viaxeiros quixesen compartir coa familia esta fin se semana, poden escoller a opción Fin de semana familiar gastronómica, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos .
Mesmo prezo dende 2011
Rogelio Martínez incidiu tamén no acto de presentación en que os prezos das diferentes opcións non experimentaron subas e mantéñense nesta edición igual que nas dúas anteriores.