2.000 ourensáns participaron nas viaxes turísticas do proxecto «Coñece Ourense»
2.000 persoas participaron entre os meses de novembro e decembro pasados no proxecto «Coñece Ourense», unha iniciativa organizada pola Deputación de Ourense, a través do Inorde, que ten como obxectivo promocionar a través de viaxes turísticos guiados pola xeografía ourensán a nosa riqueza patrimonial, cultural, termal e natural entre os cidadáns da provincia de Ourense. En concreto, nesta primeira edición participaron veciños de 40 concellos que realizaron visitas guiadas en sete percorridos incluídos no programa: Ribeira Sacra, O Ribeiro, Allariz, Celanova-Bande, Trives-Manzaneda e Valdeorras.
A finalidade do proxecto «Coñece Ourense» é, segundo afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, «favorecer o coñecemento por parte da poboación da nosa provincia dos diferentes recursos turísticos existentes nos diferentes xeodestinos e promocionar o importante legado patrimonial, natural, termal e cultural da provincia de Ourense». «Tamén se pretende –explica o presidente- dar a coñecer os recursos endóxenos dos xeodestinos e converter á nosa poboación en prescriptores da provincia de Ourense, porque desta maneira facemos máis Ourense entre todos e poñemos en valor e potenciamos a singularidade do noso».
O programa tivo unha duración de 45 días entre o 1 de Novembro e o 15 de Decembro do 2014 e as viaxes consistiron en percorridos turísticos en autobús de 50 prazas, sen custo para os concellos nin para os participantes, co obxectivo de realizar visitas guiadas ao longo dunha xornada a un xeodestino distinto ao que pertence o seu concello.
Os participantes valoraron de xeito «moi positivo» esta experiencia, e prevese que na vindeira edición de 2015 se incremente o número de concellos que soliciten para os seus veciños visitas guiadas pola provincia de Ourense. Ademais dos percorridos turísticos, os participantes puideron degustar nas súas viaxes os produtos endóxenos de cada lugar.