184 puntos de atención en Ourense para atender a campaña de vacinación antigripal que comenza o lúns

SANIDADE CONTA EN OURENSE CON 184 PUNTOS DE ATENCIÓN PARA ATENDER A CAMPAÑA DE VACINACIÓN ANTIGRIPAL QUE COMEZA O LÚNS.

  • A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira,  presentou a campaña e destacou que Ourense continúa a ser a provincia cos niveis mais altos de cobertura
  • Sanidade lembra á cidadanía que hai 2 meses para facela progresivamente e solicita á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non acuda masivamente os primeiros días da campaña
  • Como novidade, haberá unha web coa información tanto para profesionais sanitarios con información técnica e de xestión, como aspectos prácticos para a cidadanía

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou onte en rolda de prensa a campaña de vacinación antigripal que a Consellería de Sanidade porá en marcha o próximo luns, 19 de outubro, e que se prolongará durante nove semanas ata o vindeiro 19 de  decembro. Díaz Mouteira destacou que a provincia de Ourense conta cun total de 184 puntos de vacinación aos que os ourensáns  poderán acudir para recibir as correspondentes vacinas.

161015 Campaña gripe

Na presentación da campaña estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, María Villar, e a subdirectora de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras do Sergas, Montserrat Souto.

Nesta campaña Sanidade vén de investir 1.898.104 euros que posibilitou a adquisición dun total de 530.100 vacinas antigripais. A campaña de vacinación fronte a gripe está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da antigripal as persoas con condicións crónicas de risco, embarazadas, e persoas ingresadas en institucións pechadas.

O obxectivo xeral desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Doutra banda, como obxectivos específicos, están a acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos e, ao igual que o ano pasado, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden. Así, entre os traballadores de atención primaria e especializada o obxectivo de cobertura é do 35%.

Como novidade, Sanidade porá en marcha una web coa información tanto para profesionais sanitarios con información técnica e de xestión, como aspectos prácticos para a cidadanía.

161015 RP campaña gripe

Programar a vacinación

Utilizaranse dúas vacinas, unha para poboación xeral, e outra indicada en poboación maior de 75 anos ou que viven en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Ademais, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo.

A delegada territorial lembrou que os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu centro médico onde serán informados das vacinas que deben recibir.

Marisol Díaz Mouteira advertiu á cidadanía que a vacinación durará máis de nove semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, dende a Consellería de Sanidade solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Para o luns Sanidade xa ten distribuídas nos puntos de vacinación da provincia ourensá 48.335 doses de vacina antigripal para dar inicio a campaña.

Campaña anterior

No que atinxe aos resultados de vacinación na campaña do pasado ano, nela administráronse un total de 463.300 doses acadando unha cobertura entre a poboación maior de 65 anos do 52,4 %. No caso da provincia de Ourense, a taxa de vacinación antigripal en persoas de 65 anos ou máis, foi case 7 puntos superior, chegando a unha cobertura do 59,2 %. Vacináronse nesta provincia 69.170 ourensáns pertencentes á poboación obxectivo desta campaña.  Ourense continúa a ser a provincia cos niveis máis altos de cobertura.

También te podría gustar...