16-N: debate sobre o «Estado da Provincia de Ourense»
- O debate sobre o «Estado da Provincia de Ourense» celebrarase o 16 de novembro
- Os grupos políticos teñen de prazo ata o vindeiro 14 de novembro para presentar as propostas de resolución para debater no pleno
- A Deputación de Ourense foi o primeiro goberno provincial de Galicia e unha das primeiras provincias de España en celebrar un debate destas características
O vindeiro 16 de novembro terá lugar no Salón de Plenos da Deputación de Ourense a sesión plenaria extraordinaria de debate sobre o «Estado da Provincia». Os grupos políticos teñen de prazo ata o 14 de novembro para presentar as propostas de resolución para debater no pleno.
Este será o segundo debate sobre o «Estado da Provincia de Ourense» –o primeiro tivo lugar en 2014 e en 2015 non se celebrou por coincidir en período pre-electoral-, sendo a Deputación de Ourense o primeiro goberno provincial de Galicia e unha das primeiras provincias de España en celebrar un debate destas características.
A iniciativa está contemplada no Código Ético e de Conduta da institución provincial e con ela «a Deputación de Ourense destaca na liña da transparencia e da comunicación aberta, directa e activa para que os cidadáns coñezan todo o relativo ao funcionamento, xestión e organización da institución provincial», afirma Manuel Baltar.
Na sesión plenaria cada grupo político poderá formular ata un máximo de 10 propostas de resolución, que deberán presentaranse por escrito desde a data da convocatoria ata o día 14 de novembro ás 14.30 horas, no Rexistro Xeral da Deputación Provincial. O debate abrirase cunha intervención da Presidencia por un tempo máximo de 30 minutos, e a continuación, cada grupo político disporá de 15 minutos de intervención para a formulación de réplica á intervención do presidente e defensa das propostas de resolución presentadas.
A orde de intervención dos grupos estará determinada polo número de deputados cos que conten, intervindo en primeiro lugar o Grupo do BNG, seguido do Grupo de Democracia Ourensana, do Grupo Socialista e do Grupo Popular. Concluídas as intervencións dos grupos suspenderase o pleno por espazo de 30 minutos, durante os cales os portavoces poderán reunirse para a negociación de posibles acordos respecto das propostas de resolución.
O Pleno continuará cunha quenda de dúplica do presidente por un tempo máximo de 10 minutos, á que seguirá unha quenda de redúplica dos grupos políticos por un tempo máximo de 5 minutos cada un, coa mesma orde de intervención que a quenda de réplica. O debate pecharase cunha intervención do presidente por un tempo máximo de 5 minutos, e unha vez concluído o debate procederase á votación individual das propostas de resolución presentadas, incluíndo as emendas que se acordasen ao respecto.
O debate sobre o «Estado da Provincia» –ao igual que acontece cos plenos ordinarios- será retransmitido en directo a través da páxina web da Deputación de Ourense, para que poida ser seguido pola cidadanía desde calquera lugar e localización.