136.000 euros no obradoiro xuvenil para a mellora da empregabilidade na Gudiña, Riós e Vilariño de Conso
- A Xunta inviste 136.000 euros no obradoiro xuvenil para a mellora da empregabilidade na Gudiña, Riós e Vilariño de Conso
- A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, clausurou hoxe este programa mixto de formación e emprego e participou na entrega de diplomas aos 16 alumnos e alumnas menores de 30 anos
- Os participantes capacitáronse e realizaron tarefas forestais e relacionadas coa albanelería
- Díaz destacou que a Xunta seguirá a impulsar os obradoiros porque fomentan a formación, inserción laboral e colaboración cos concellos
- O pasado ano na provincia desenvolvéronse 4 obradoiros dedicados á mocidade e cuxos participantes tiñan que ser mozos menores de 30 anos e inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, clausurou hoxe na Gudiña o obradoiro de emprego “Conso Frieiras” que este concello compartiu cos de Riós e Vilariño de Conso. Díaz Mouteira participou na entrega dos diplomas aos 16 participantes neste programa mixto de formación e emprego dedicado á mocidade, no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu máis de 136.000 euros.
Marisol Díaz participou no acto de clausura acompañada dos alcaldes que compartiron este obradoiro e destacou que unha das prioridades da Xunta é apostar pola formación de calidade e, neste senso, sinalou que os obradoiros de emprego están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional. A delegada territorial explicou que a Xunta está a investir este ano 14 millóns de euros nos obradoiros de emprego para mellorar a capacitación das persoas desempregadas e crear emprego estable e de calidade.
Os alumnos e alumnas, todos eles menores de 30 anos, melloraron a súa cualificación e realizaron tarefas forestais e relacionadas coa albanelería nas tres localidades. Así, entre outras actuacións, rehabilitaron o lavadoiro de Riós, e conservaron e melloraron os soutos de castiñeiros, pinos, carballos e outras especies con fin dun mellor aproveitamento dos seus froitos e produtos forestais.
Na súa intervención, Díaz Mouteira explicou que estes talleres, ademais de mellorar a empregabilidade dos alumnos e alumnas e ofrecerlles formación de calidade e acceso a un emprego, levan aparellados a realización de obras e servizos para a comunidade. Ademais, outra das vantaxes destas iniciativas é o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local. A delegada territorial subliñou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”. Así, apuntou que a Consellería destina este ano un total de 14 millóns de euros aos obradoiros de emprego de toda Galicia.
Na provincia de Ourense desenvolvéronse 4 obradoiros de mocidade, para menores de 30 anos e incluídos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, coa participación dun total de 64 alumnos e alumnas, amais de 20 persoas como persoal docente, directivo e administrativo, e un orzamento global de 550.000 euros.
Ademais, 43 concellos compartiron 12 obradoiros de emprego dirixidos a maiores de 18 anos e que beneficiaron a un total de 300 persoas desempregadas. O departamento autonómico de Economía, Emprego e Industria destinou o pasado ano a estes programas da provincia preto de 2,2 millóns de euros.